InicioSucesosSabes cales foron as verdadeiras razóns que provocaron o afundimento do narcosubmarino...

Sabes cales foron as verdadeiras razóns que provocaron o afundimento do narcosubmarino na ría de Aldán?

Tanto os servizos de loita contra a droga de Estados Unidos como os de Portugal xa lle viñan seguindo a pista.

PUBLICADO O

As malas condicións do mar impediron transvasar os 3.000 quilos de cocaína que transportaba o ‘narcosubmarino‘ localizado na ría de Aldán, en Cangas (Pontevedra), a unha segunda embarcación, e iso, sumado ao feito de que o sumerxible xa fora detectado polas forzas policiais, levou aos seu tres tripulantes a afundilo na zona de Punta Couso.

Así o confirmaron fontes da investigación que, do mesmo xeito que ratificou o delegado do Goberno, Javier Losada, en declaracións aos medios, sinalaron que o Centro de Intelixencia contra o Terrorismo e o Crime Organizado (CITCO) recibiu unha alerta o pasado 21 de novembro, por parte do Centro de Análise e Operacións Marítimas en Materia de Narcotráfico (MAOC-N), con sede en Lisboa, sobre a presenza dunha embarcación sospeitosa navegando polo Atlántico. Nesta operación contouse coa cooperación de efectivos policiais e de vixilancia de Estados Unidos, Reino Unido, Portugal e Brasil.

Debido ao mal tempo e á imposibilidade de transvasar a droga a outro barco (que presumiblemente se encargaría de trasladala a terra), os tripulantes do sumergible, que xa estaba a ser vixiado por efectivos policiais e de Aduanas, dirixíronse á zona de Punta Couso, onde afundiron a nave.

Duas das persoas que viaxaban nese artefacto, de nacionalidade ecuatoriana, foron detidas cando tentaban fuxir e xa ingresaron en prisión por orde xudicial; mentres, séguese buscando ao terceiro tripulante. Así mesmo, a droga que se atopaba no interior do batiscafo, uns 3.000 quilos de cocaína valorada nuns 100 millóns de euros, segundo sinalou Javier Losada, foi extraída e depositada na Comandancia da Garda Civil de Pontevedra.

“UN ANTES E UN DESPOIS”

Segundo o delegado do Goberno, esta incautación supón “un antes e un despois” na loita contra o narcotráfico, non só pola cantidade de droga aprehendida nesta “operación histórica”, senón tamén porque “é a primeira vez” que se consegue interceptar un ‘narcosubmarino’ destas características nas rutas de entrada da droga a Europa polo Atlántico. De feito, apuntou, coñecíase a existencia de naves somerxibles para o tráfico de drogas en América, aínda que máis pequenas.

“Hai unha hipótese nova(…), e os manuais de traballo das forzas de seguridade terán en conta esta posibilidade. Hai un salto cualitativo (nos medios de transporte dos narcotraficantes)”, sinalou Losada, quen engadiu que o semisomerxible localizado en Aldán tiña “suficiente capacidade de combustible”.

ANÁLISE DAS PROBAS

Os fardos foron extraídos do semisomerxible na madrugada deste mércores, despois de que dous grandes guindastres conseguisen sacalo da auga e depositalo sobre un camión-góndola no peirao de Aldán. Está previsto que ese camión traslade o artefacto a dependencias da Escola Naval Militar de Marín, mentres que a droga foi depositada en dependencias da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra.

Ademais da análise dos fardos de cocaína, será de vital importancia, segundo explicou o delegado do Goberno, o estudo minucioso do propio semisomerxible, as súas características e todo o que se localizou no seu interior. Así, farase “unha análise forense completa” e todos os datos obtidos servirán para que os corpos policiais e de seguridade dispoñan de máis información con respecto a este novo sistema de transporte de droga.

Con respecto á orixe e destino do cargamento de cocaína, Javier Losada eludiu pronunciarse, dado que a operación segue aberta e está baixo segredo sumarial. Na mesma liña, descartou pronunciarse sobre se o ‘narcosubmarino’ estaba a ser apoiado por unha ou máis embarcacións na súa travesía, ou sobre a nacionalidade do tripulante que se atopa fuxido (sobre o que o único que precisou é que “non é ecuatoriano”).

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...