Como é posible entrar nos xulgados de Vigo e destruír ordenadores e mobiliario?

A Xunta di que xa traballa para "restablecer a normalidade" nos xulgados de Vigo tras as desfeitas provocadas por un home que entrou dando unha pedrada á porta.

Xulgado de primeira estancia N 13 Vigo / Páxinas Galegas

A Xunta traballa para “restablecer canto antes a normalidade” nos xulgados de Vigo tras o incidente rexistrado na madrugada deste sábado, cando un home irrompeu no edificio xudicial e causou desfeitas nas dependencias de Violencia sobre a muller.

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, acompañado por técnicos da Xunta desprazáronse aos xulgados da cidade olívica para avaliar os danos ocasionados en mobiliario e equipamento.

O obxectivo, segundo sinala o Goberno galego nun comunicado, é reparar as desfeitas e que o luns se poida traballar con normalidade nos xulgados olívicos. Ao fío das 06,00 horas da madrugada deste sábado, un individuo accedeu ao interior das dependencias xudiciais rompendo dunha pedrada a porta do edificio, que durante as noites non ten vixilancia pero si unha alarma conectada á sede do TSXG, na Coruña.

A continuación, subiu á cuarta planta, onde se sitúa o órgano de violencia da muller e provocou danos nos computadores, material de oficina e mobiliario. O home, que presenta un estado psicolóxico alterado, abandonou o edificio e chamou á policía desde unha cafetaría para confesar o que ocorrera. Atópase a expensas de pasar a disposición xudicial.

Así, fontes de tribunais aseguran que o nome do individuo non figura nos arquivos dos casos que xestiona o órgano de violencia das mulleres. Con todo, aclaran que non podería destruír nada de valor xurídico porque nos xulgados trabállase cun sistema informatizado. As forzas da orde e o TXSG abriron unha investigación para esclarecer os feitos.