Detido cando tentaba roubar cunha pata de cabra nun local de Vigo

Policía Local / © Miguel Núñez.

A Policía Local de Vigo detivo na madrugada deste xoves a un vigués de 48 anos e iniciais J.M.A.M. que tentaba entrar a roubar cunha pata de cabra nun local situado na avenida de Castelao.

Tal como informou a Policía, o suceso ocorreu ao redor das 04,00 horas, cando a sala de comunicacións do 092 foi alertada por un veciño dun posible roubo nun local da zona, xa que o son de manipulación do mobiliario da terraza levantou as súas sospeitas.

Á súa chegada, os axentes observaron ao agora detido na terraza agochado xunto á porta de acceso. Cando o citado se decatou da presenza policial levantouse e permaneceu de pé inmóbil cunha pata de cabra na man, ata que os actuantes se apearon do vehículo, momento no que tratou de fuxir á carreira, sendo interceptado aos poucos metros.

“Unha vez retido tratou de zafarse violentamente, motivo polo cal procederon a inmobilizalo”, indicou a Policía Local viguesa.

Ao lugar tamén se desprazou unha dotación do Corpo Nacional de Policía, que colaborou facéndose cargo do individuo en tanto os axentes verificaron o estado da porta onde o observaron agochado, comprobando que no chan estaba roto o aro metálico do cadeado de peche da porta. Por todo iso procederon á detención do citado pola comisión dun delito de roubo en grao de tentativa.