Detidos os ocupantes dun coche a quen lles interviron 10 gramos de cocaína

Os feitos ocorreron na madrugada deste xoves, cando unha veciña alertou da presenza dun coche sospeitoso, ocupado por dúas persoas, na parroquia de Matamá.

Policía Local / © Miguel Núñez.

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 49 anos de idade, A.B.B., e a unha muller de 36 anos, A.C.P., como presuntos autores dun delito contra a saúde pública, tras ser sorprendidos en posesión de 10 gramos de cocaína. Segundo explicaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada deste xoves, cando unha veciña alertou da presenza dun coche sospeitoso, ocupado por dúas persoas, na parroquia de Matamá.

Ata o lugar desprazáronse axentes do 092, que localizaron o vehículo aparcado fóra da calzada, no interior dun parque infantil, e oculto entre a maleza dunha zona boscosa. Ante a presenza policial, o home e a muller que estaban no interior do coche mostráronse nerviosos e alterados, polo que foron identificados.

Durante a inspección do coche, os axentes atoparon oculta, entre uns papeis na porta do condutor, unha balanza de precisión e unha bolsa de plástico cortada en anacos. Así mesmo, na guantera, tamén oculta entre papeis, había unha bolsa de plástico cun po branco, que o propio home identificou espontaneamente como cocaína (algo máis de 10 gramos). Por estes feitos, ambos foron detidos como presuntos autores dun delito contra a saúde pública.