Rescatan a un home que caeu ao mar mentres pescaba na Guarda

Pablo Lubiáns/ Concello de A Guarda

Unha persoa foi rescatada na tarde deste martes tras caer ao mar mentres pescaba no porto do municipio pontevedrés da Guarda.

Segundo informou o CIAE 112-Galicia, o suceso ocorreu sobre as 19,30 horas, cando un particular chamou a emerxencias para alertar de que unha persoa se caeu desde as rocas ao mar e tiña dificultades para saír a causa da ondada.

De inmediato, o 112 Galicia puxo en alerta ao persoal de Salvamento Marítimo e ao servizo de Gardacostas de Galicia. Así mesmo, informou os servizos sanitarios, á Garda Civil, á Policía Local e aos membros do GES da Guarda.

Ata o lugar desprazouse tamén o helicóptero Pesca-1 do servizo de Gardacostas, aínda que finalmente foi unha embarcación particular que se atopaba na zona a que rescatou á vítima. Posteriormente, o pescador foi trasladado desde o porto ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo polo 061.