Cinco feridos nun accidente en Mos

Outros sete resultaron afectados por un sinistro múltiple en Sanxenxo.

Ambulancias / Miguel Nuñez

Cinco persoas resultaron feridas nun accidente de tráfico rexistrado no municipio pontevedrés de Mos, mentres que outro seis tiveron que ser evacuadas dun sinistro múltiple en Sanxenxo, tamén na provincia de Pontevedra.

Segundo informa o 112, tras contactar con este servizo os condutores dos vehículos, os servizos sanitarios de urxencia atenderon a estas 12 persoas nas últimas horas da tarde do domingo.

Así, ao redor das 21,00 horas, dous coches impactaron por alcance na A-55 en Petelos, o que provocou lesións de diversa consideración a un total de cinco persoas. Catro delas foron evacuadas a distintos centros hospitalarios de Vigo (Álvaro Cunqueiro e Fátima), mentres que a quinta foi atendida no lugar dos feitos.

O balance de feridos tamén foi elevado noutro accidente dúas horas antes en Sanxenxo, onde se viron implicados catro vehículos. Neste caso, seis persoas foron evacuadas e unha recibiu os primeiros coidados no lugar do sinistro para posteriormente acudir por medios propios ao centro de saúde máis próximo.

En total, foron sete os afectados polo choque, na VG-4.1, en Adina, que obrigou a mobilizar non só ao 061-Urxencias Sanitarias, senón tamén aos servizos locais de emerxencias e aos axentes da Garda Civil de Tráfico.