Detido o presunto autor de máis de trinta roubos en vivendas e garaxes en Baiona

As investigacións da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciáronse por mor da proliferación de roubos que se estaban producindo en garaxes e trasteiros do mesmo edificio situado no núcleo urbano de Baiona.

Casco Vello de Baiona / Miguel Núñez

A Garda Civil detivo a un veciño de Baiona, de 43 anos, ao que se lle atribúen preto de 30 delitos de roubo e furto en vivendas e garaxes da localidade. As investigacións da Garda Civil de Baiona-Nigrán iniciáronse por mor da proliferación de roubos que se estaban producindo en garaxes e trasteiros do mesmo edificio situado no núcleo urbano de Baiona.

Esta situación permitiu establecer unha liña de investigación para valorar a posibilidade de que o presunto autor puidese ser algún residente do edificio, segundo informou a Garda civil mediante un comunicado.

Así, os axentes atoparon indicios que lles levaron a sospeitar dun dos veciños, despois de valorar os seus antecedentes policiais e o seu perfil de consumidor habitual de estupefacientes, que a Garda Civil sostén que podería ser a causa dos roubos cometidos.

Nesta investigación realizáronse controis e seguimentos ao presunto autor e recolléronse mostras nos lugares onde se cometeron os roubos por parte do Equipo Básico de Inspección Ocular (EBIO), que permitiu a detención deste veciño, en principio, como presunto autor dunha ducia de furtos durante este ano.

Despois da súa detención e a través das xestións realizadas nos establecementos de compra venda de obxectos de segunda man, a Garda Civil vincúlao a outros 18 roubos e furtos cometidos durante os últimos anos noutras vivendas, vehículos e algúns locais.

Ademais, recuperouse un importante número de obxectos subtraídos que tiña gardados no seu domicilio e que se están devolvendo aos seus propietarios. O detido foi posto a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Vigo, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.