Un home, rescatado de entre as rochas tras sufrir unha caída mentres pescaba na Guarda

Desembocadura do río Miño entre A Guarda e Caminha / Wikimedia Commons

Os membros do GES da Guarda rescataron na madrugada deste domingo a un home que sufrira unha caída nas rochas mentres pescaba en Camposancos, no concello pontevedrés da Guarda.

O mesmo ferido foi quen, ao redor das 00,00 horas, solicitou axuda ao 112 Galicia, indicando que sufrira unha caída e necesitaba asistencia. A partir de aí, os xestores de emerxencias pasaron aviso ao 061-Urxencias Sanitarias e aos membros do GES. Tamén foron informados os Bombeiros de Baixo Miño e a Garda Civil.

Nada máis chegar ao lugar e, debido a que o home se atopaba nunha zona de difícil acceso, foi necesario o uso dunha padiola para evacuar a persoa e trasladala ata o lugar onde esperaba a ambulancia.