O mozo de 18 anos desaparecido en Baiona puido ser visto na Guarda o sábado

A Garda Civil mantén activo o dispositivo de procura do mozo de 18 anos desaparecido en Baiona (Pontevedra). SOS DESAPARECIDOS

A Garda Civil mantén activo o dispositivo de procura de Ángel Daniel, un mozo de 18 anos, desaparecido na localidade de Baiona (Pontevedra) na tarde-noite do pasado venres 12 de abril, e que sofre autismo.

Segundo informou a Garda Civil, as últimas noticias indican que foi visto este sábado no municipio da Guarda. O mozo, que vive en Baiona xunto coa súa nai, marchou de casa “sen dar explicacións á noitiña” e non é a primeira vez que desaparece. Ademais, a familia informou de que o mozo padece autismo.

O desaparecido é moreno e delgado, usa lentes e vestía chándal negro con camiseta branca. A Garda Civil solicita que calquera persoa que poida ter información sobre el chame ao número de teléfono 062 ou ao propio 112. A súa desaparición tamén foi comunicada ás autoridades lusas da comisaría conxunta de Tui.