Sorprenden a un mozo de 16 anos tras roubar nun instituto redondelán e fractura a nariz do policía

A Policía Nacional detivo a un menor de 16 anos de idade por un delito de roubo con forza ao ser sorprendido cando tentaba fuxir con varias bolsas e mochilas ás costas dun instituto de Redondela.

Policía Local de Vigo / Miguel Núñez

A Policía Nacional detivo a un menor de 16 anos de idade, de nacionalidade romanesa e con domicilio na cidade de Vigo, por un delito de roubo con forza ao ser sorprendido cando tentaba fuxir con varias bolsas e mochilas ás costas dun instituto de Redondela.

Segundo informou a Policía Nacional, pasaban escasos minutos das 4:00 horas cando un cidadán chamou á Sala Operativa do 091 e informou de que, mentres circulaba co seu vehículo, acababa de ver a unha persoa en “actitude sospeitosa” á beira do Instituto de Redondela.

Unha dotación próxima dirixiuse ao lugar e realizou unha comprobación das rúas lindeiras, onde observou a un mozo que abandonaba o centro con varias bolsas e mochilas ás costas.

Os axentes dirixíronse cara a el e identificáronse como policías, momento en que este mozo botou a correr en dirección cara á Avenida de Vigo, polo que foi perseguido polos policías.

Un deles alcanzou ao mozo e agarrouno, momento no que se revolveu “violentamente”, tras o cal caeron ao chan o axente e o menor perseguido.

A consecuencia da caída o policía sufriu unha fractura de nariz, así como erosións e cortes en fronte e pómulos, concretaron as mesmas fontes policiais.

Outro axente que o perseguía a poucos metros inmobilizou ao mozo fuxido e identificouno, á vez que comprobou que dentro da mochila e bolsas había “gran cantidade de efectos”, tales como discos duros, vídeo-consola, prismáticos, cámara de fotos, mp3, artigos de decoración, bixutaría e outros, sobre os que este mozo non puido achegar datos da súa procedencia.

Unha segunda unidade chegou ao lugar xusto no instante en que se procedía á detención do menor, tras o cal foi trasladado a dependencias policiais.

Xa en comisaría realizouse unha comprobación das bases de datos policiais, na cal se confirmou que o home carecía de antecedentes policiais anteriores.

A detención foi levada a cabo por axentes do Grupo de Noites da Brigada de Seguridade Cidadá, pertencentes á Comisaría de Policía Nacional en Vigo-Redondela. O detido e todo o actuado foi posto a disposición dun xulgado de Instrución de Vigo.