Detido un veciño de Ponteareas por roubar paquetes de café e embutido

Moto coa que o ladrón quixo fuxir tras roubar café e embutidos / Garda Civil

A Garda Civil detivo a un veciño de Ponteareas, identificado como M.B.G., de 41 anos, pouco despois de que supostamente cometese dous furtos en senllos supermercados da localidade. No momento do arresto conducía unha motocicleta que fora subtraída o pasado fin de semana en Pontevedra.

Segundo informou o Instituto Armado, a motocicleta estacionada nas inmediacións dun dos supermercados “e a perspicacia dun garda civil” fora de servizo que viu entrar a este mozo dentro do establecemento cun casco na man, “foron as claves para a súa detención”.

Ao comprobar que na rúa estaba estacionada unha motocicleta co motor en marcha e “coñecendo os antecedentes policiais deste individuo relacionados con roubos de motocicletas”, relataron as mesmas fontes, solicitou o apoio da patrulla de seguridade cidadá, que foi ao lugar.

Momentos despois, cando este individuo pretendía reiniciar a marcha na motocicleta, “foi rapidamente interceptado e púidose constatar que fora subtraída o pasado fin de semana en Pontevedra”. Trasladado ás dependencias do Posto da Garda Civil incautáronselle cinco paquetes de café moído que levaba na mochila e outro cinco escondidos na moto, ademais de 10 envases con embutidos.

DELITOS

A incidencia concluíu coa detención desta persoa como presunto autor de senllos delitos de furto en cada un dos dous centros comerciais, un furto de uso de vehículo a motor, ademais doutro delito contra a seguridade viaria por conducir co carné sen puntos.

O arrestado foi posto a disposición do xulgado de Instrución de garda de Ponteareas, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.