Investigado un veciño de Tomiño tras ser cachado con 200 gramos de marihuana

A Garda Civil sorprendeuno cando portaba unha bolsa que contiña este estupefaciente. A operación enmárcase no programa de prevención da venda e distribución de droga en Pontevedra.

Marihuana substraída / Guarda Civil

A Garda Civil investiga penalmente  un veciño de Tomiño (Pontevedra) por un suposto delito contra a saúde pública. O home foi sorprendido no centro urbano da localidade cunha bolsa que contiña “algo máis de 200 gramos de marihuana”.

Así o informou o Instituto Armado, que relatou que os feitos sucederon o pasado fin de semana, cando unha patrulla de seguridade cidadá do Posto da Garda Civil de Tomiño observou dous mozos que transitaban polo centro urbano e “apuraban a marcha ao detectar a súa presenza”. Unha vez alcanzados,  durante o proceso de identificación púidose comprobar que un deles portaba unha bolsa de plástico onde levaba 235 gramos de marihuana.

Esta circunstancia propiciou o seu cacheo persoal e localizóuselle outra bolsa que contiña unha pequena cantidade do mesmo estupefaciente. Por estes motivos, a patrulla de seguridade cidadá notificoulle ao portador da bolsa a súa condición penal de investigado por un suposto delito contra a saúde pública, na modalidade de tráfico de drogas.

Esta actuación forma parte do programa de actividades preventivas que desenvolve a Garda Civil na provincia de Pontevedra para erradicar a venda e distribución de estupefacientes a pequena escala.

As dilixencias instruídas foron entregadas no xulgado de Instrución de garda de Tui, onde deberá comparecer o investigado cando sexa notificado.