InicioSociedadePresentan unha guía de recomendacións e exercicios para mellorar a calidade de...

Presentan unha guía de recomendacións e exercicios para mellorar a calidade de vida das mariscadoras

PUBLICADO O

Unha serie de recomendacións dirixidas a orientar ás mariscadoras na adquisición de rutinas saudables para o desenvolvemento da súa actividade reúnense na “Guía de coidados da saúde para o benestar das mariscadoras”, un panel promovido polos grupos de acción local do sector pesqueiro ao abeiro do proxecto Candieira.

Esta guía é o resultado das sesións de traballo que, co propósito de definir os seus contidos, un grupo de mariscadoras da Ría de Pontevedra desenvolveu co asesoramento de Paz Diéguez e Dolores Rodríguez, profesoras da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra, centro adscrito á Universidade de Vigo, así como da fisioterapeuta do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Eva Rosales.

Un intre da presentación. Foto: Candieira

A iniciativa das mariscadoras do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (Galp) Ría de Pontevedra, ao abeiro do programa Aliadas, da Rede de apoio e promoción das mulleres do mar Candieira, presentouse este mércores en Reiboa (Poio), nun acto que contou coa participación de Susana Rodríguez, directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia; Laura Nieto, coordinadora de Candieira e xerente do Galp Ría de Pontevedra; Ángela García, presidenta da Agrupación de Mariscadoras San Telmo de Pontevedra; Marina Buceta, representante da asociación cultural Mulleres do Mar de Poio e vicepatroa da Confraría San Telmo de Pontevedra Marina Buceta, e da enfermeira e antropóloga Paz Diéguez, subdirectora da EU de Enfermaría.

Tanto Diéguez como a tamén docente Dolores Rodríguez e Eva Rosales encargáronse de prestar asesoramento técnico a esta iniciativa ao longo de todo un proceso que abrangueu, segundo explica Candieira, “varias sesións de traballo teórico e práctico co fin de definir a guía e producir o material gráfico que ilustra o panel informativo”.

A presentación viuse sucedida pola posta en práctica dalgún dos exercicios propostos. Foto: Candieira

“Os consellos nunca foron fáciles de encaixar na vida das mariscadoras, pero agora estades non só en condicións de aplicalos, senón tamén de transmitilos”, lembrou a estas profesionais Paz Diéguez no acto de presentación desta guía á que, explicou, chegaron no marco dunha investigación sobre as mulleres do mar.

“O noso camiño cruzouse co das mariscadoras e descubrimos que tiñan moitas gañas de facer, de aprender”, salientou Diéguez dun traballo que finalmente se acabou centrando “en consellos prácticos que poden mellorar o seu benestar”.

Consellos e exercicios de fácil execución

Dirixido a achegar ás mariscadoras unha serie de consellos, coidados e exercicios básicos, pensados para a súa aplicación antes de saír o mar, durante as horas de marisqueo e de volta á casa, o panel desenvolvido nesta iniciativa recolle unha serie de recomendacións en materia de alimentación, protección da pel e seguridade física, así como unha táboa de exercicios para estirar e previr lesións en brazos, pernas, pescozo, tronco e na zona lumbar.

Nese senso, a guía é o resultado dun programa de formación e fomento do asociacionismo, Aliadas, “que busca reforzar a gobernanza das mulleres nas comunidades costeiras” e no que o traballo das mariscadoras da zona do Galp Ría de Pontevedra partiu da identificación das doenzas máis frecuentes que padecen as traballadoras do sector pesqueiro e extractivo.

As doenzas reumáticas, as lesións articulares, na columna vertebral e as derivadas do levantamento de pesos son as máis recorrentes entre as mulleres do mar, como lembra Candieira, debido ás súas condicións de traballo, máis, como sinalou Diéguez nesta presentación, tamén é preciso que as e os profeisonais da saúde tomen conciencia que “as mariscadoras están tamén sometidas a moita presión emocional”.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Rescatan un bebe que quedou pechado nun vehículo

Os Bombeiros de Vigo tiveron que rescatar na mañá deste martes a un bebé...

Tres detidos en Vigo por presunta vinculación cun atraco bancario

Polo menos tres persoas foron detidas na mañá deste martes en Vigo pola súa...