SATSE denuncia sobrecarga no centro de saúde de Coia ao desprazarse enfermeiras ao Ifevi para a vacinación antiCovid

Denuncian que só se contratou a unha enfermeira para cubrir o traballo de catro.

Enfermeira / XUNTA - Arquivo

O sindicato de Enfermaría SATSE denunciou a sobrecarga que sofren estes profesionais no centro de saúde de Coia en Vigo, debido á ausencia de persoal que se desprazou ao Ifevi para fornecer a cuarta dose da vacina contra a Covid.

A organización apuntou que o interese da xerencia por aliviar a carga das enfermeiras dese centro de primaria é “nulo”, porque non cobre as ausencias a pesar de que hai persoal dispoñible nas listas de contratación.

Segundo explicou SATSE, dúas enfermeiras que traballan neste ambulatorio están de vacacións e non foron substituídas, e outras dúas foron desprazadas ao Ifevi no marco da campaña de vacinación. “Con todo, o Sergas tan só contratou a unha enfermeira para facer o traballo que catro enfermeiras fan de maneira haitual”, criticou.

O sindicato tachou de “incomprensible” esta sobrecarga de traballo cando hai enfermeiras dispoñibles e lamentou que non se aprendeu ” nada” destes anos de pandemia. “Impórtalles pouco a situación das enfermeiras e dos propios usuarios”, concluíu.