Unha investigadora de Vigo conclúe que o té e o aceite de camelias galegas posúe propiedades anticanceríxenas

Rocío Barreiro vén de recibir un sobresaliente 'cum laude' por esta tese doutoral sobre a "flor das Rías Baixas".

A tese doutoral da investigadora viguesa Rocío Barreiro, cualificada cun sobresaliente ‘cum laude’, concluíu que o té e o aceite elaborados a partir das camelias galegas posúen propiedades anticanceríxenas, desoxidantes e antimicrobianas.

Baixo o título ‘Composición química e capacidade desoxidante dos produtos obtidos de camelias de Galicia’ , a tese estuda as propiedades do aceite e o té producidos a partir de camelias cultivadas en Pontevedra e propón o seu uso comercial como “fonte de riqueza” para o territorio.

Desta forma, Barreiro conclúe na súa tese que as propiedades desoxidantes e o contido en vitamina E e catequinas das camelias axudan a protexer ás células dos chamados radicais libres e que, por tanto, serven para a prevención e o tratamento do cancro.

Así mesmo, o estudo demostra que o té realizado cos brotes e follas novas desta flor, ‘Camelia sinensis’, está composto de “vitaminas beneficiosas” para a saúde de quen o consuma, posto que se atoparon ata seis catequinas que engaden unha “importante bioactividade desoxidante” e, por tanto, anticanceríxena, a esta bebida.

En canto ao aceite das sementes de camelias pontevedresas, a tese galardoada destaca que posúe uns “valores similares” aos lexislados para o aceite de oliva virxe extra, debido ao seu “alto índice” de acedos grasos saturados, minerais e vitamina E.

A investigación foi realizada na leira do Areeiro, centro dependente da Deputación provincial pontevedresa e a Universidade de Vigo, e estivo dirixida pola doutora Carmen Salinero, xefa de servizo de Areeiro, e o doutor da Universidade da Rioxa Efrén Pérez.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here