InicioSociedadeA xuíza do 'caso Déborah' alonga a instrución seis meses máis a...

A xuíza do ‘caso Déborah’ alonga a instrución seis meses máis a falta do resultado de varias probas

Evita, por agora, decidir sobre transformar as dilixencias nun procedemento de tribunal de xurado.

PUBLICADO O

A titular do Xulgado de Instrución número 2 de Tui decidiu alongar seis meses máis a instrución do ‘caso Déborah Fernández’, a moza viguesa achada sen vida nunha cuneta do Rosal no ano 2002.

Segundo fontes xudiciais, este novo paso no caso, que chega despois de que se cumpriron xa 20 anos do suceso, prodúcese a pesar de que non se propuxeron máis probas, aínda que si falta coñecer o resultado de varias dilixencias.

Con todo, as mesmas fontes explicaron que as probas solicitadas e aceptadas practicaríanse aínda que non se prorrogase a instrución, polo que agora alongarase e previsiblemente incluiranse as investigacións sobre o disco duro do computador da nova falecida, que foi presuntamente manipulado, no canto de abrir unha peza a parte sobre este.

Ademais, desta maneira a titular do Xulgado de Instrución número 2 de Tui tamén evita, por agora, decidir sobre transformar as dilixencias do caso Déborah nun procedemento de tribunal de xurado, como xa solicitaron as familias.

Déborah Fernández Cervera foi achada morta nunha cuneta do Rosal en 2002. A investigación xudicial pola desaparición e falecemento da moza arquivouse en 2010 sen que fose detido nin imputado ninguén. En novembro de 2019 reabriuse o caso por parte do xulgado e, en febreiro de 2022, imputouse formalmente a Pablo P.S-L., o exmozo da vítima.

A finais de abril pasado, cumpríronse 20 anos da desaparición da moza e, alcanzado o prazo de prescrición, non se poderá imputar a ninguén máis en relación con este caso.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...