Medio centenar de docentes da Universidade de Vigo integran a nova Cátedra Unesco

Trátase dunha iniciativa concedidapor un período de catro anos que englobará "actividades de investigación, formación e transferencia", centradas en sete dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030.

Uns 50 docentes das diferentes facultades e escolas dos campus de Pontevedra, Vigo e Ourense da Universidade de Vigo forman parte da ‘Cátedra Unesco Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade’, que esta organización das Nacións Unidas concedeu nas últimas semanas á entidade educativa.

Segundo explicaron este mércores na súa presentación na Escola de Enxeñaría Forestal –onde terá a súa sede provisional–, trátase dunha iniciativa concedida no mes de abril por un período de catro anos que englobará “actividades de investigación, formación e transferencia”, centradas en sete dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da Axenda 2030.

Nesta presentación participaron o reitor en funcións, Manuel Reigosa, o xefe territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Ramón Pereiro, e a coordinadora nacional da Rede de Escolas Asociadas da Unesco (PEA-Unesco), Luisa Márquez.

A nova cátedra está dirixida pola catedrática Francisca Fariña, coa tamén catedrática Margarita Pino como coordinadora adxunta. No mundo hai menos de 800 cátedras Unesco, preto de 70 impulsadas por universidades do Estado, entre as que tamén se atopa a Cátedra Unesco en Desenvolvemento Local Sustentable do Campus do Mar.

“UN ÉXITO”

Así, Manuel Reigosa afirmou que é “un éxito” para a universidade, que aspira a facer desta cátedra “un faro que alume moitas das cousas” que xa forman parte do plan estratéxico da universidade.

Lograr unha institución educativa “máis galega, máis igualitaria e máis internacional”, á vez que outorgar unha especial importancia aos ODS son os obxectivos xunto con contribuír a que as futuras xeracións “convertan a sociedade galega nunha sociedade máis xusta, máis fraterna e máis igualitaria”.

A cátedra centrarase en sete dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: saúde e benestar; educación de calidade; igualdade de xénero; enerxía accesible e non contaminante; redución das desigualdades; cidades e comunidades sustentables; paz, xustiza e institucións sólidas e alianzas para alcanzar obxectivos.

Entre outras iniciativas, abarcará accións como a organización de xornadas e congresos, a produción de publicacións científicas e educativas ou a difusión de material audiovisual e de folletos informativos dirixidos a promover un desenvolvemento sustentable, baseado na igualdade, na cultura de paz e no espírito crítico e ético.

Así mesmo, na súa memoria recóllense tamén accións centradas na humanización de espazos educativos e sanitarios, a creación de unidades didácticas ou a participación de estudantes internacionais.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here