InicioSociedadePreto de 300 escolares achéganse ás matemáticas dun xeito "compresible e divertido"

Preto de 300 escolares achéganse ás matemáticas dun xeito “compresible e divertido”

Trátase do proxecto 'Te lo cuentan las matemáticas', do grupo de innovación docente MaReMa.

PUBLICADO O

“No campo das matemáticas é fundamental realizar accións desde as primeiras etapas da educación, cando comezan a ser rexeitadas, e non limitarse a etapas posteriores, onde a recuperación de habilidades e interese é máis complexa”.

Deste xeito pon de relevo o grupo de innovación docente MaReMa (Materiais e Recursos para as Matemáticas) a importancia de achegar esta ciencia aos nenos e nenas a través de “metodoloxías educativas innovadoras que mostren as matemáticas como unha achega comprensible, divertida e atractiva”. Ese é o obxectivo do proxecto Te lo cuentan las matemáticas, que, co financiamento do Consello Social da Universidade de Vigo, desenvolven ao longo do presente curso con preto de 300 estudantes de 5º e 6º de primaria dos CEIP vigueses García Barbón, Chans de Bembrive, Frian-Teis e Virxe do Rocío, ademais do Froebel de Pontevedra.

A través dos obradoiros que imparten nestes centros preto de 60 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e de encontros con investigadoras e investigadores, este proxecto busca “espertar vocacións matemáticas” entre os nenos e, especialmente, as nenas, dado o “nesgo de xénero existente neste campo”, como sinala a súa coordinadora, a profesora Marta Pérez.

NOVAS PROPOSTAS E FORMACIÓN PARA DOCENTES

Con respecto á súa anterior edición, Te lo cuentan las matemáticas incorpora no presente curso “unha nova liña temática para o alumnado que xa participou no proxecto o ano pasado” e para o que se deseñaron novas actividades. Así mesmo, investigadoras do grupo MaReMa puxeron en marcha un curso no Centro de Formación e Recursos (CFR) de Pontevedra, dirixido a docentes de primaria, co obxectivo de “que poidan implantar os talleres nas súas aulas e incorporarse ao proxecto o vindeiro curso”.

Xunto a Pérez, o equipo responsable deste proxecto intégrano os tamén docentes da UVigo José Manuel Casas, Xabier García e Ixchel Dzohara Gutiérrez e a investigadora predoutoral da Universidade de Santiago de Compostela Beatriz Álvarez, aos que se suman os profesores de primaria Lorena Fernández e Benito Gil.

Preto de 300 escolares participan na segunda edición de ‘Te lo cuentan las matemáticas’

POÑER EN VALOR AS MULLERES MATEMÁTICAS

Un dos obxectivos do proxecto é, como sinala Pérez, rachar “coa percepción social das matemáticas como unha ciencia desconectada da vida cotiá”, motivada ao seu xuízo polo feito de “que nunha gran medida” a súa aprendizaxe nesta etapa se vexa reducida “unha aplicación de regras de forma mecánica”.

Fronte a isto, esta iniciativa avoga por unha metodoloxía baseada “na manipulación, as tecnoloxías e as súas aplicacións na vida cotiá”, á vez que busca dar visibilidade tanto ás “diversas saídas profesionais” destes estudos, como ao propio labor dos investigadores e investigadoras, “prestando especial atención ás medidas destinadas a favorecer a igualdade de xénero” neste ámbito. 

Con esa idea, en cada bloque de actividades combínanse as iniciativas dirixidas a afondar nas aplicacións das matemáticas en ámbitos que van da espionaxe ás viaxes espaciais, coa posta en valor das achegas realizadas ao longo da historia por diferentes “matemáticas de referencia”. Así, no primeiro trimestre os nenos e nenas que participaban por primeira vez no proxecto realizaron actividades centradas na criptografía e os algoritmos, coas que puideron coñecer as figuras de Ada Lovelace e Agnes Meyer Discroll, mentres que para aqueles que o facían por segunda vez deseñáronse novas propostas centradas nos códigos e as súas aplicacións, así como na traxectoria da matemática da NASA Dorothy Johnson
Vaughan.

O segundo bloque englobou por unha banda as propostas de Te lo cuentan las cónicas, centradas na aplicación desta ciencia na astronomía e na figura de Hipatia de Alexandría, cos novos contidos de Te lo cuentan los movimientos, sobre os seus vínculos coa arquitectura e arte e as achegas de Emmy Noether. Por último, no terceiro trimestre desenvolveranse tanto actividades centradas nos mapas, nas viaxes e na traxectoria de Maryam Mirzajani, como o novo bloque Te lo cuentan los datos, no que se porá o foco na súa aplicación no combate de epidemias e na figura de Florence Nightingale.

Cada un destes bloques abrangue á súa vez dous obradoiros, impartidos polo alumnado do Grao en Educación Primaria, un de carácter manipulativo e outro tecnolóxico, nos que, explica Pérez, “os contidos tratados ilústrase con aplicacións da vida cotiá”. A estes súmanse os encontros con investigadoras e investigadores, nos que se afonda na “vida científica e persoal” de mulleres matemáticas de referencia “nun campo de investigación estreitamente ligado coa temática”. Así mesmo, o proxecto abrangue tamén a xeración doutra serie de materiais, como os vídeos recollidos na web do proxecto.  

Co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), Te lo cuentan las matemáticas desenvolveuse por primeira vez o pasado curso, coa participación de 650 alumnos e alumnas de doce centros educativos. A análise que o grupo MaReMa desenvolve das valoracións que realizaron do proxecto os nenos e nenas permitiron constatar como con este tipo de actividades incrementábase “o gusto, motivación e interese do alumnado polas matemáticas”. De feito, a porcentaxe de participantes que, tras o proxecto, manifestaban ter interese por esas “vocacións matemáticas” que o proxecto busca espertar aumentaba preto dun 20%.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...