InicioSucesosRexeitados os recursos contra o arquivo da causa polo accidente de tren...

Rexeitados os recursos contra o arquivo da causa polo accidente de tren do Porriño que acabou con 4 falecidos

Os recorrentes argumentaron que a decisión de desviar o tren por unha vía en probas e a mala sinalización influíron no accidente, pero a Audiencia rexeitou estes argumentos.

PUBLICADO O

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra desestimou os recursos interpostos por Comboios de Portugal e pola muller dun dos falecidos, contra o arquivo da causa xudicial sobre o accidente do tren Celta que cubría e a liña Vigo-O Porto, e que descarrilou á entrada da estación do Porriño (Pontevedra) o 9 de setembro de 2016, provocando 4 falecidos e case medio centenar de feridos.

En marzo de 2021, o xulgado de instrución número 2 do Porriño ditou auto de sobresemento con respecto a esta causa, ao entender que o sinistro se produciu exclusivamente pola actuación do maquinista, que non reduciu a velocidade do convoi, e que foi un dos falecidos no accidente.

Contra esta resolución, presentaron recurso tanto Comboios de Portugal como a esposa dun dos falecidos (e logo adheríronse outro tres persoas).

Os recorrentes argumentaron que a decisión de desviar o tren por unha vía en probas e a mala sinalización influíron no accidente, pero a Audiencia rexeitou estes argumentos. Segundo o auto do tribunal provincial, “esa afirmación non conta co máis mínimo indicio de ser certa. En concreto, do informe da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) despréndese que este procedemento de actuación (facer circular trens por vías desviadas) é levado con total habitualidade por parte do persoal de Adif ao longo de todas as estacións repartidas por España”.

Por tanto, os maxistrados han entido que “en ningún caso estamos ante unha situación de excepcionalidade na que os traballadores de Adif actuasen de forma imprudente, sen saber as consecuencias das súas accións”.

Respecto diso, e facendo seus os argumentos do xulgado de instrución, a Audiencia reitera que todos os informes periciais son concluíntes “no punto de que o sinistro se produciu por un exceso de velocidade do maquinista falecido”, polo que consideran que os recursos de apelación deben desestimarse. O tren, segundo o informe da CIAF, circulaba a unha velocidade de 110 km/h cando, a prescrita para pasar polo cambio era de 30 km/h.

Segundo desprendeuse da instrución e dos datos solicitados, o maquinista “recibiu o sinal de precaución na avanzada e pulsou dúas veces o botón de recoñecer a orde de circular a 30 Km/h polo desvío de entrada na estación”, asimimo, “recoñeceu o sinal de precaución na baliza previa ao sinal de entrada da estación”, a pesar do cal, non diminuíu a velocidade e o tren, con 420 pasaxeiros, acabou descarrilando.

SINALIZACIÓN

Por outra banda, con respecto á suposta “confusión” pola sinalización da vía, a Audiencia expón no seu auto que “ningún indicio existe de que ocorrese desta forma, sendo o afirmado unha pura especulación, sen base fáctica algunha”.

Nese sentido, o tribunal sinala que os informes non revelan que houbese “ningún defecto” na sinalización que puidese ser considerado unha “imprudencia” e que a propia CIAF é “contundente” nas súas conclusións, de maneira que “non pode entenderse que exista culpa algunha na sinalización en cuestión”.

SINISTRO

O accidente do tren Celta produciuse na mañá do 9 de setembro de 2016, cando o convoi estaba a piques de chegar á estación do Porriño. A elevada velocidade fixo descarrilar o tren, cuxa locomotora acabou envorcando e impactando contra o estribo dun paso superior da N-120 e contra a base dunha torreta de electricidade.

Como consecuencia do choque, perderon a vida, ao momento, o maquinista, o interventor e un pasaxeiro. Momentos despois falecía tras ser trasladado ao hospital outra persoa, un mozo que se preparaba precisamente para ser maquinista, fillo dun coñecido sindicalista do sector.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...