O antigo Rebullón será centro de saúde, residencia, escola infantil e centro de coidados intermedios

Segundo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este novo complexo supón "un punto de inflexión" na abordaxe das necesidades sociosanitarias das persoas maiores.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha visita ao antigo hospital psiquiátrico Rebullón de Mos (Pontevedra), xunto aos conselleiros Fabiola García e Xullo García Comesaña; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; e Marta Fernández-Tapias.. XUNTA DE GALICIA

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este luns que o antigo hospital psiquiátrico do Rebullón en Mos será reformado para albergar un complexo sociosanitario, que contará con centro de saúde, residencia de maiores, centro de coidados intermedios e unha escola infantil.

Así o trasladou durante unha visita ao antigo hospital, na que estivo acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, entre outras autoridades.

Segundo explicou Feijóo, o novo centro de saúde incrementará nun 50% a superficie do actual e xa se elaborou o plan funcional. Así mesmo, haberá unha residencia de maiores no Rebullón, que poderá atender 90 usuarios; e un centro de coidados intermedios para persoas maiores que necesitan atención tras recibir a alta hospitalaria e antes de poder regresar á súa casa. O complexo completarase cunha escola infantil.

Segundo subliñou o titular do Executivo galego, “Mos converterase en referencia co primeiro centro de coidados intermedios”. Así mesmo, destacou que o antigo edificio do hospital psiquiátrico “será a plasmación física da aposta por un proxecto ambicioso e multidisciplinar”.

Para Feijóo, este novo complexo supón “un punto de inflexión” na abordaxe das necesidades sociosanitarias das persoas maiores, no que a tecnoloxía se porá “ao servizo do benestar das persoas dependentes”, e onde os profesionais sanitarios e sociosanitarios traballarán unidos para garantir a mellor calidade de vida.