Conta atrás no Caso Déborah ante o perigo de que prescriba o caso

A xuíza pide celeridade ante o perigo de que o caso quede sen enxuizar.

Rolda de prensa dun dos avogados da familia Fernández-Cervera Neira, Ramón Amoedo, xunto a Rosa, irmá de Déborah Fernández Cervera.

A titular do Xulgado de Instrución número 2 de Tui pediu “máxima celeridade” aos diferentes organismos que aínda están a investigar aspectos relacionados co caso Déborah Fernández, a moza viguesa achada sen vida nunha cuneta do Rosal no ano 2022. Segundo fontes xudiciais consultadas por Europa Press, a xuíza emitiu unha providencia na que instaba a diferentes organismos, entre os que se inclúe, por exemplo, o instituto de toxicoloxía, a ter a “máxima celeridade posible” porque o día 30 termina o prazo de prescrición.

Así mesmo, segundo as mesmas fontes, a xuíza emitiu nos últimos días un auto no que aclarou que o 30 de abril prescribirá o caso, excepto para o único investigado que, a día de hoxe, figura na causa. Todo iso sempre que non se dirixa antes desa data o procedemento contra outra ou outras persoas, tal como deixou claro a titular o Xulgado de Instrución número 2 de Tui.

Isto ocorre un mes despois de que por primeira vez o único investigado en relación coa desaparición e morte da moza viguesa declarase no xulgado. Pablo P.S-L., que foi noivo da vítima, declarou en marzo por primeira vez en 20 anos e defendeu a súa inocencia, negando estar con ela o día que desapareceu.

O avogado da familia de Déborah, Ramón Amoedo, asegurou que o testemuño do investigado non contribuíu a arroxar luz sobre os feitos, aínda que deixou patentes novas contradicións. De feito, o letrado lembrou que o exmozo de Déborah si prestou declaración en varias ocasións en sede policial e que cada relato “era diferente ao anterior”. A súa declaración no xulgado foi “un pouco distinta ás demais”.