InicioSociedadeO alcalde de Vigo advirte sobre a Panificadora: "Os especuladores non van...

O alcalde de Vigo advirte sobre a Panificadora: “Os especuladores non van poder coa cidade”

O PP critica a "neglixencia" do goberno local, e Marea e BNG instan a facer fronte aos intereses especulativos

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este venres que a sentenza do TSXG que anula o instrumento urbanístico para o desenvolvemento do ámbito da Panificadora non lle xera “preocupación”, porque se refire a forma en que se tramitou e non ao fondo, e subliñou que o recurso foi presentado por unha banda dos propietarios, aos que vincula ao “pelotazo” e a quen advirte de que “non van poder coa cidade”.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico apuntou que a resolución do alto tribunal galego establece simplemente que a modificación puntual do PEPRI Casco Vello para acometer a reforma da Panificadora “non era a forma adecuada, e hai que usar outra”.

Deste xeito, o Concello pode incluír ese desenvolvemento urbanístico no novo PXOM, que está actualmente en fase de tramitación. Con todo, Caballero confirmou que se presentará recurso de casación, xa que o goberno local ten “serias discrepancias” con respecto á sentenza do TSXG.

En todo caso, ao non entrar no fondo, celebrou que a resolución non afecta o grao de protección da Panificadora, que non poderá ser demolida, e sinalou que, os que presentaron o recurso, “son os que están no pelotazo urbanístico”.

Respecto diso, lembrou que ese ámbito foi obxecto de convenio cos donos do enclave cando gobernaban BNG e PP, que concederon aproveitamentos lucrativos para a construción de varios edificios de vivendas.

Abel Caballero sinalou que o Concello mantén a súa intención “inamovible” de preservar ese patrimonio industrial e reformalo para destinalo a dotacións públicas. “Os especuladores non van poder coa cidade, e o BNG e o PP, que lles deron a edificabilidade, tampouco”, proclamou.

Finalmente, subliñou que a anulación da modificación puntual do PEPRI na Panificadora non suporá “practicamente nada” de atraso no desenvolvemento do ámbito, e que, se o recurso de casación non é estimado, poderá desenvolverse no marco da novo PXOM, que estará en vigor “en pouco máis dun ano”.

OPOSICIÓN

Mentres, o grupo municipal do PP lamentou que a sentenza do TSXG “confirma a insolvencia urbanística” do goberno municipal de Vigo e demostra a “neglixencia” do departamento municipal de Urbanismo.

O portavoz ‘popular’, Alfonso Marnotes, criticou que a sentenza foi “ocultada” polo goberno local (a data da resolución é 4 de marzo) e os grupos da oposición coñecérona “polos medios”, á vez que incidiu en que ese ámbito non se pode desenvolver porque a PXOM aprobado polo goberno de Caballero foi anulado en 2015. “O urbanismo leva parado 14 anos, é o urbanismo das nulidades, que some á cidade no caos e a inseguridade xurídica”, aseverou.

Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, trasladou o seu apoio ao goberno local no proceso de recorrer a sentenza, e advertiu de que “o único que hai detrás” da resolución é pretensión dos copropietarios de “volver co pelotazo da Panificadora” e non de que se cumpra a normativa urbanística.

Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que tamén apoiou a presentación do recurso, pediu ao goberno local que actúe con “firmeza” para defender o interese xeral e frear a especulación. Así mesmo, asegurou que os nacionalistas defenderon, tanto desde o goberno como desde a oposición, a conservación e recuperación da Panificadora para uso público.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...