Esta é a historia da Volta dos Nove, o lugar onde Tanxugueiras grabou “Autocracia” en Baiona

Tanxugueiras interpretando o tema Autocracia
Tanxugueiras interpretando o tema Autocracia

Esta semana Tanxugueiras, da man da Deputación de Pontevedra, sacaban á luz un videoclip interpretando o tema “ Autocracia”. Un tema pola memoria histórica en Galicia.

#Nonhaifronteiras para a nosa #MemoriaHistórica. Coa forza e a voz de Aída, Olaia e Sabela TANXUGUEIRAS rendemos homenaxe aos executados na #VoltadosNove en Baiona na procura de verdade, xustiza e reparación. Nova peza do libro-disco Acorda, que nace ao abeiro do documental do mesmo nome, unha cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra realizada ao abeiro do programa ‘O Pasado Por Vir’ da Deputación de Pontevedra.”

Pero cal é a historia que hai detrás de este espazo e conxunto artístico ubicado na Bombardeira, na parroquia de Baredo en Baiona?

Na madrugada do 15 de outubro de 1936 o Val Miñor viviu un dos sucesos máis tráxicos da súa historia recente. Pouco máis dun mes despois do nomeamento do xeneral Franco como Xefe do Goberno do Estado logo do seu golpe de estado militar, Garda Civil e falanxistas asasinaban a nove veciños do Val Miñor na estrada Baiona – Camposancos, á altura do quilómetro 58 da Bombardeira (Baredo), hoxe coñecida como a “Volta dos Nove”.

O asasinato dos nove.

O asasinato dos nove traballadores foi descrito como un acto de vinganza das forzas represivas trala morte do falanxista Luis Refojo, ocorrida en Sabarís (Baiona) a tarde anterior das execucións, segundo o estudo dos historiadores Xosé Lois Vilar e Carlos Méixome publicado na Revista Murguía (2003).

Refojo formaba parte dunha partida que ingresou a tiros nunha vivenda ocupada por un home cego (Ventura Pérez), unha muller de 71 anos (Dolores Samuelle Álvarez, “Perfecta”, que traballaba como doméstica) e os irmáns Luís e José López Luís, (alcumados “Os Ineses”), fuxidos dos represores, un deles co cargo de ter sido tenente de alcalde de Baiona durante a República. Unha vez asasinados os ocupantes da casa, os falanxistas decidiron marchar cara as cadeas de Vigo en busca de presos políticos sobre os cales descargar a súa ira pola morte de Refojo.

Segundo o relato dos investigadores miñoranos, primeiro chegaron á cadea de Vigo, alí non lle deixaron coller a ninguén, logo foron ao frontón da rúa María Berdiales que servía tamén de cadea. Meteron nove homes nunha camioneta e dirixíronse cara a Baiona. As testemuñas discrepan na hora na que os levaron a Baiona. En todo caso na noite do 15 de outubro, sobre a unha da madrugada nove veciños do Val Miñor foron asasinados á altura do quilómetro 58 de estrada Pontevedra Camposancos (A Guarda).

Os nove homes asasinados en Baredo

Manuel Aballe Dominguez, mariñeiro de Panxón, de 41 anos. Fillo de Modesto Aballe Macaya e de Benita Dominguez Salgueiro. Casado con Antonia Rial Veiro, deixou dous fillas menores: Eugenio e Víctor.

• Felicísimo Antonio Pérez Pérez, mariñeiro de Panxón, 44 anos. Fillo de Antonio Pérez Dominguez e de Rosa Pérez. Casado, sen fillas.

• Elias Alejandro Gonda Alonso “O Ghonda”, labrador, de 36 anos, veciño de Santa Cristina da Ramallosa. Fillo de Ascensión Gonda Alonso. Casado cunha moza de Sabarís, Angelina Veiga Ríos, deixou tres fillos menores: Isabel, Carmen e Manuel.

• Manuel Francisco Lijó Pérez “O Lijó”de 34 anos, natural de Corrubedo (Ribeira) aínda que vivía e traballaba como mariñeiro no barrio do Burgo (Baíña). Fillo de Francisco Lijó Oliveira e de Ramona Pérez Gonda, estaba casado con Eugenia Mijón Durán, veciña de Baiona. Deixaría orfos a cinco filias menores de idade: Mercedes, Manuela, Maximino, Oto e máis Eva.

• Modesto Fernández Rodríguez “O Rei Chiquito“, 47 anos, mariñeiro, veciño de Panxón, filio de José Fernández e Dolores Rodríguez. Traballaba como mariñeiro. Do seu matrimonio con Rosalia Rodríguez Iglesias deixaría seis fillas menores: Gloria, Lidia, Juan, Enriqueta, Jaime e Álvaro.

• Fidel Leyenda Rodríguez “Tío Félix“, de 51 anos, mariñeiro de Baiona. Fillo de Eulogio Leyenda Álvarez e de Vicenta Rodríguez Miguez. Casado con Sofía Vieites Penedo, de Baíña, non deixaba fillos.

.José Rodríguez González, “O Pelonio“. Fillo de Rufina Rodríguez González. Veciño da Porta da Vila en Baiona. Tiña 45 anos Este mariñeiro deixaría viúva a Clementina Freire Mosquera, de 43 anos, e orfos a Rogelio, Manuel, José, Melitón e África.

• Manuel Barbosa Durán, “O Ferreiro do Burgo”. O máis novo dos asasinados, tan só contaba con 30 anos de idade. Mecánico, natural de Bruña, foi vivir a Panxón tras o seu matrimonio con Julia Sanjuan García. Deixaría catro fillos orfos Oulia, Ma Carmen, Ma Encarnación e Manuel. Os seu s pais Alfredo Barbosa e Isabel Durán Álvarez .

. Generoso Valverde Iglesias, fillo de Fermín e Constantina. Tamén traballaba como mariñeiro e contaba, cando segaron a súa vida, 37 anos de idade. Natural e veciño de Panxón, casado con Aurelia Rodríguez Cabral, deixou seis fillos, todos eles menores: Generoso, José, Germán, Vicente, Elodia e Constante.

3 COMENTARIOS

  1. Interesantísimo, eu ando moito por esa zona e descoñecía toda a historia. Unha pequenísima cousa: eu son de Ribeira, e aquí o apelido «Oliveira», que eu saiba, non existe. Si que hai moitos que se apelidan Olveira, que é ademais unha parroquia de Ribeira, xusto ao lado de Corrubedo. Podería ser que o segundo apelido do Lijó fose Olveira, e non «Oliveira»?
    Polo demais, parabés polo artigo.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here