A Universidade de Vigo porá en marcha un laboratorio de investigación informática no Campus de Ourense

Estará centrado en desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras para o seu traslado ao tecido empresarial.

Manuel Baltar e Manuel Reigosa / UVigo.

A Universidade de Vigo porá en marcha un laboratorio de investigación na Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, que estará centrado en desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras para o seu traslado ao tecido empresarial.

Este xoves, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, asinaron o convenio de colaboración, polo que o organismo provincial cederá o equipamento necesario para que o laboratorio bote a andar.

O reitor mostrou a súa satisfacción pola colaboración entre a entidade académica e o goberno provincial en aras de “consolidar o crecemento dos estudos de Enxeñaría Informática, que coa incorporación da intelixencia artificial “será un elemento tractor de talento moi importante para a cidade e para a provincia”.

Pola súa banda, Baltar apuntou que este acordo “reforza a alianza” entre a deputación e a universidade, á vez que expresou a súa confianza en que esta nova unidade permita “fortalecer os bos resultados” que se están conseguindo “durante estes anos”.