InicioSociedadeAprobada a Medalla de Vigo para Pardo Vera co único apoio do...

Aprobada a Medalla de Vigo para Pardo Vera co único apoio do PSOE e acusacións de “partidismo” desde a oposición

A Corporación aprobou por unanimidade os recoñecementos de Vigueses Distinguidos 2022

PUBLICADO O

O pleno do Concello de Vigo aprobou este mércores, nunha sesión extraordinaria, a concesión da Medalla da Cidade á secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, co único voto favorable do grupo de goberno (PSOE) e os votos contrarios de PP, Marea e BNG, que acusaron ao alcalde de “oportunismo político” e “partidista”.

Todos os partidos da oposición criticaron a decisión unilateral do goberno local de outorgar o máximo recoñecemento a Pardo de Vera, e coincidiron en afirmar que non ten “méritos” para ser merecedora dese recoñecemento, e en lamentar a falta de consenso na concesión dun galardón que, tradicionalmente (e fóra dun par de ocasións), aprobouse en pleno por unanimidade.

O PP criticou que a Medalla de Vigo quedará “devaluada” ao ser outorgada sen ese consenso, e sinalou que se trata dun recoñecemento “dun goberno socialista a un alto cargo dun goberno socialista”.

Así mesmo, afirmou que Pardo de Vera “non ten méritos suficientes” porque “non hai AVE a Vigo, nin saída sur, nin nova autovía Vigo-O Porriño, nin soterramento da AP-9 en Teis, nin da VG-20, nin novos accesos ao Ifevi…”. “O alcalde quere que a xente pense que está todo feito, pero todo é un trampantojo, un decorado falso (…) e espetounos esta proposta de Medalla con displicencia e soberbia“, afirmou o portavoz ‘popular’, Alfonso Marnotes.

Mentres, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, tamén aseverou que “é imposible que esta proposta xere consenso”, porque se dá a Medalla “a un cargo político con argumentos rotundamente falsos” e por “oportunismo”. Así, lamentou está “a matarse lentamente o pouco prestixio que quedaba” aos galardóns que a cidade entrega con motivo da festa da Reconquista.

Pola súa banda, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, tamén censurou o “puro partidismo” do goberno local e sinalou que “inaugurar un gran centro comercial” (en alusión á estación de Urzáiz) “non é motivo para recibir unha medalla”.

Tanto Marea como BNG lamentaron que non se tivese en conta a súa proposta de recoñecer coa Medalla da cidade aos promotores das folgas do 72, acontecementos “históricos e heroicos” que “configuraron sociológicamente a cidade”.

“MOTIVOS SOBRADOS”

O propio alcalde, Abel Caballero, foi o encargado de defender en pleno a proposta do goberno local, e proclamou que hai “motivos sobrados” para recoñecer a Pardo de Vera, da que aseverou que non milita en ningún partido. “Pero a militancia política non é un demérito”, matizou.

Segundo explicou o rexedor, en Vigo aínda non hai AVE directo a Madrid “porque a Xunta do PP (en tempos de Fraga) decidiu excluír á cidade” e pola “covardía” un alcalde do BNG (Lois Pérez Castrillo) que non respondeu a ese agravio. Caballero afirmou que o goberno de Zapatero retomou o proxecto pero volveu ser paralizado co Executivo de Rajoy, sendo Ana Pastor ministra de Fomento. “Foi este Goberno (o de Sánchez) o que o recuperou da profundidade de escuros caixóns e púxoo en marcha cunha decisión valente e comprometida de Isabel Pardo de Beira, entón presidenta de Adif”, proclamou, e lembrou que o estudo hidroxeolóxico da variante de Cerdedo estará terminado este verán.

Tamén incidiu en que a estación de Vialia estivo “practicamente parada” durante 3 anos e acelerouse” grazas a Pardo de Vera. “Entendo que a medalla lles doe a PP e BNG porque son os artífices de que Vigo non teña AVE”, subliñou, e insistiu en que a secretaria de Estado ten “méritos folgados, sobrados” para recibir este recoñecemento, pese ao “sectarismo” da oposición.

“LÍDER ESTUDANTIL” E “EXILIADO”

Con respecto á proposta de recoñecer aos promotores das folgas do 72, Abel Caballero lembrou que, días antes de essas mobilizacións, houbo folga en Santiago, onde el estudaba. “Claro que sucederon cousas no 72, non mo digan a min (…) que fun sancionado e exiliado dous anos por participar activamente en política como líder estudantil”, aseverou.

Caballero, que avanzou que o goberno está en contacto cos sindicatos para facer un recoñecemento institucional aos participantes nese episodio histórico, tamén lembrou que no seu equipo de goberno hai ou houbo persoas vinculadas á defensa dos traballadores, como o exsecretario comarcal de CC.OO., ou os exsecretario comarcais de UXT, Santos Héctor e Olga Alonso, ou mesmo o portavoz municipal socialista, Carlos López Font.

“De sindicalismo, a nós, leccións ningunha, de ninguén. E de compromiso político no 72, leccións a min ningunha. Algúns o tivemos que sufrir”, sentenciou.

Non é a primeira vez que a entrega da Medalla da cidade suscita polémica. En 2014, o BNG votou en contra da concesión do galardón ao sector naval, ao non prosperar a súa proposta de que se personalizase o premio nos traballadores desta industria. Así mesmo, en 2019, o PP ausentouse da votación e Marea abstívose, cando a Medalla de Vigo foi outorgada á Zona Franca. VIGUESES DISTINGUIDOS 2022

Por outra banda, o pleno da Corporación aprobou, esta vez si, por unanimidade, a concesión do recoñecemento de Vigueses Distinguidos a entidades e persoas pola súa traxectoria e o seu labor na cidade.

Así, serán recoñecidos centros escolares que cumpren 50 anos ou máis en Vigo (Colexio Plurilingüe Don Bosco Salesianas, CEIP Ría de Vigo, CEIP San Salvador de Teis e CEIP Eduardo Pondal); centros de FP con máis de 50 anos de permanencia na cidade (Colexio Vivas, Marcote Aceimar, Colexio Fogar Afundación e Politécnico Marítimo Pesqueira do Atlantico).

As entidades veciñais Centro Cultural e Veciñal de Valadares, e Asociación Cultural e Deportiva Xestas de Bembrive; e tres galardoes ‘in memoriam’ (Carlos Alonso, comuneiro de San Andrés de Comesaña; Pepe ‘Xeito, impulsor da festa da Reconquista; e o músico e escritor Vicente Abeijón).

Tamén serán Vigueses Distinguidos 2022 o economista e presidente do CES, Antón Costas; o escritor Domingo Villar; Begoña Vila, astrofísica na NASA; Alfonso Penela, arquitecto; a Escola Oficial de Idiomas; a Asociación Mutualista de Residentes de Vigo en Buenos Aires: e a Unión Deportiva Santa Mariña de Cabral.

A gala de entrega da Medalla e os galardóns de Vigueses Distinguidos terá lugar este mércores, ás 20,00 horas, no teatro Afundación. Neste acto, tamén se lerá o pregón da Reconquista, por parte de Marta Skyba, portavoz en Vigo da Asociación Galega de Axuda a Ucraína.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...