Analizamos as claves do éxito de Fortnite, o fenómeno social do momento entre a mocidade

Fortnite / Miguel Núñez

Fortnite é un videoxogo online de disparos en terceira persoa creado por Epic Games, que pode xogarse tanto en consolas como en ordenador e incluso nalgúns dispositivos móbiles. Está a converterse nun gran éxito mundial, sendo con diferencia o videoxogo máis célebre do momento, que en xeral desfrutan os máis novos e “sofren” os seus proxenitores, aínda que por suposto non hai lei escrita ao respecto.

Hai uns meses chegaba a noticia dunha nena de 9 anos que tivo que acudir a un centro de desintoxicación para curar a súa adicción ao Fortnite, e o debate con respecto a se os videoxogos son unha simple adicción ou unha poderosa ferramenta pedagóxica e de ocio continúa aberto.

En todo caso, millóns de persoas de todo o planeta divertíronse xa con este xogo que está en boca de todos, mais, é unha moda ou está para quedarse? Para investigalo, falamos cunha ducia de xogadores que nos contan a súa opinión ao respecto.

Miguel Ángel leva xogando desde o nadal. Este verán adica ao Fortnite unha media de dous horas cada día. O que máis desfruta deste videoxogo é “a tensión que transmite estar en medio dunha batalla contra centos de inimigos”, ademais de que as partidas sexan relativamente curtas.

Culpa do éxito do Fortnite a que “é dos primeiros xogos de disparos que non premia simplemente por ter unha boa puntería, senón que tamén tes que construír fortificacións e todo tipo de estruturas para poder derrotar ao rival. Non innovou de todo, pero supo unir o battle royale coa construción”.

Polo tanto, considera que se os creadores do xogo son quen de seguir traballando día a día como fan dende que o xogo triunfou, o éxito continuará: “Se saben escoitar á comunidade, Fortnite non aburrirá. Teñen que estar pendentes dos seus clientes para que sigan sendo fieis, creando un reto equilibrado para todos”.

Fortnite / Miguel Núñez

En cambio, Hugo Suárez xa leva tempo sen xogar. Considera ao Fortnite un xogo moi lento: “Ás veces tardas un bo rato en atopar inimigos, e o matchmaking (o sistema de emparellamento das partidas) non me gusta”.

Jorge Lama leva 5 meses xogando unhas 6 horas semanais. Para el, o máis importante non é o Fortnite en si, senón a compañía: “Cando mellor o paso é cando xogo cos meus amigos”. Non sabe se o éxito do título continuará no futuro, dependerá de “como sepan xogar coa atención do público”. Algo se cadra moi complexo en pleno século XXI.

Manuel Dorrío considera que boa parte da culpa do éxito a teñen os chamados “influencers”. Cando coñecidos youtubers como AuronPlay ou ElRubius botaron varias partidas en directo polos seus canais, a febre Fortnite estalou de verdade e os servidores non deron abasto por uns días.

El leva xogando máis de 6 meses unhas 10 horas semanais de media. Aprecia os constantes cambios que sufre o xogo, con diferentes “tempadas”, como outro factor a reseñar.

En definitiva, valora o “éxito rotundo” dun xogo que “está a revolucionar o mundo dos e-sports, seguindo a estratexia Freemium (que xa deu tan bo resultado ao Pokemon Go, o FIFA ou o Angry Birds)”. Uns “xenios do márketing” que souberon apostar moi forte polos youtubers para a súa promoción.

Fortnite / Photopin

Outra das razóns son os famosos “bailes”, que o teu avatar pode realizar tanto durante unha partida (con funcións burlescas ou estratéxicas) como ao final, para celebrar a súa vitoria.

De feito, deron a volta ao mundo os vídeos do campión do mundo de fútbol coa selección francesa, Antoine Griezmann, festexando os seus goles como un personaxe deste xogo.

Brais Camposino leva 4 meses xogando, e considera que mentres Fortnite consiga, nas diferentes tempadas, evolucionar sen desvirtuarse, seguindo unha mesma trama, a xuventude seguirá a pasar as noites eliminando ou sendo eliminados neste mundo caricaturesco. Iván Salgado leva xogando 5 meses 10 horas á semana, e tamén considera que é o suficientemente completo para “seguir dando guerra”, nunca mellor dito.

Xoel Rodríguez descubriu moi pronto o Fortnite, e xa leva 9 meses xogando, moitas semanas supera as 10 horas. Valora a gratuidade, e a novidade dos elementos que inclúen cada pouco e o manteñen en vilo.

Fortnite / Miguel Núñez

Daniel Martínez comezou a xogar hai 8 meses e dedica 12 horas á semana de media. É un máis dos que destacan a gratuidade (ata certo punto, posto que hai contido de pago) e a actualización constante. Ser gratis dá pé a que máis xente probe, moitos deses se quedan e algúns aínda non marcharon.

Por último, Juan José Tarrío xoga sen interrupción dende a finais da terceira tempada, a finais de marzo. Asegura facer horas extras no verán, practicando 50 horas semanais ou incluso máis. Probou porque era gratuíto.

Os shooters gustáronlle desde ben cativo, e defende que este xogo saíu no momento oportuno, posto que se estaban popularizando os battle royale, e que ademais sabe manter á comunidade pegada á pantalla cos cambios e novas ideas, unhas ideas que un día acabarán. Nese momento, acabarase a “febre Fortnite”.

Fortnite / Miguel Núñez

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here