InicioSociedadeO Tribunal Superior declara que o Concello de Vigo era responsable de...

O Tribunal Superior declara que o Concello de Vigo era responsable de manter a zona onde ocorreu o accidente do Marisquiño

En dúas sentenzas emitidas polo alto tribunal galego, recóllese que existen causas para anular o convenio Abrir Vigo ao Mar. O Concello asegura que estudará as sentenzas.

PUBLICADO O

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) considera que o Concello de Vigo era o responsable de manter e conservar o paseo das Avenidas, onde en 2018 afundiu parte dunha estrutura durante a celebración dun concerto con motivo do festival O Marisquiño, deixando máis de 450 persoas feridas.

Así, en dúas sentenzas emitidas polo alto tribunal galego, recóllese que existen causas para anular o convenio Abrir Vigo ao Mar, subscrito en 1992 entre o Concello, o Consorcio da Zona Franca e a Xunta de Obras do Porto de Vigo (hoxe Autoridade Portuaria), debido a que entende que o Concello de Vigo incumpriu a súa obriga de manter e conservar parte da área afectada por ese documento, da que forma parte o paseo de madeira e formigón que cedeu durante o concerto.

Na sentenza, a Sala indica que se debe proceder á liquidación do convenio. Segundo se expón na mesma, “necesariamente, o mantemento debe conectarse coa seguridade e co uso, e o Concello non o cumpriu, á vista dos documentos achegados”.

Segundo o TSXG, antes de autorizar un uso diferente ao simple paseo, que era o que tiña na concesión, o Concello debeu “valorar a seguridade da instalación”. O convenio, segundo o alto tribunal, “non ofrece dúbidas interpretativas en canto á obriga de mantemento e de bo estado de conservación” por parte do Concello daquelas zonas de uso público, quedando eximido daquelas que poidan ser de uso exclusivo da Autoridade Portuaria.

OBRIGA DO CONCELLO

Na sentenza, contra a que cabe presentar recurso de casación, os maxistrados sinalan que esa obriga do Concello “non deixa de ser consecuente co convenio, xa que a entidade local recibiu un beneficio que anteriormente non tiña, un beneficio interesado para a cidadanía de Vigo e, por tanto, é o Concello o que debe manter en bo estado de conservación o cedido”.

De non ser así, continúa a resolución, a Autoridade Portuaria tería que fiscalizar “os usos que programase o Concello”, isto é, “debería asumir funcións de control de usos”, algo que non realizaba desde que se executou a cesión.

“Os usos viñan xestionando polo Concello desde unha posición de control das instalacións cedidas, polo que necesariamente debería de controlar todas as medidas que afectasen ás devanditas instalacións, non podendo pretender que tivese liberdade de uso, pero sen responsabilidade en canto ao mesmo“, recalca a Sala do TSXG.

Revisadas as reportaxes fotográficas, os maxistrados sinalaron que son “palmarios do mal estado en que se atopaban os elementos superficiais do paseo e que se advertiron de forma reiterada pola Autoridade Portuaria, advertindo do risco existente para as persoas”.

O TSXG explica que, aínda que comparte que un labor de mantemento e conservación “non alcanzaría á banqueta de cimentación dos peiraos ou aos recheos portuarios”, é “diferente a situación que concorre nunha plataforma de formigón construída por unha entidade privada (Real Club Náutico), con uso privado e que foi liberada mediante un acordo entre a entidade privada e a Zona Franca para poder integrarse como parte do devandito proxecto e da actuación”.

Eses elementos, segundo a Sala, “non eran infraestrutura portuaria, senón obras realizadas por unha entidade privada e entregadas previa liberación de parte da concesión para dar lugar ao convenio e posibilitar a apertura de Vigo ao mar”. Esa plataforma, “sería válida para o uso ao que se destinaba, pero non para un uso máis intensivo, como posteriormente se demostrou” no accidente do Marisquiño.

O TSXG incide en que, de acordo co convenio Abrir Vigo ao Mar, o Concello adquiriu a obriga, durante un prazo de 50 anos, de manter en perfecto estado de conservación toda a actuación contemplada no convenio, no que se acordaron executar actuacións de reordenación do tráfico rodado, ampliación de zonas axardinadas e de lecer, así como a peonalización para mellorar o bordo marítimo da área central de Vigo, entre outras.

MANTEMENTO DOS ELEMENTOS ESTRUTURAIS

“A obriga de mantemento polo Concello de Vigo prevista no convenio de 2 de novembro de 1992 non se limita a labores de mantemento dos xardíns e zonas de esparexemento, senón tamén aos elementos que a sustentan”, destacan os xuíces.

Estes engadiron que, para o normal funcionamento dun paseo marítimo, formado por unha plataforma de formigón acabada nun pavimento de madeira, “débense de manter todos os elementos que o forman, principalmente os estruturais”.

VOTO PARTICULAR

Ante ambas as sentenzas cabe presentar recurso de casación e as dúas inclúen o voto particular dun dos maxistrados da Sala. Entre os motivos de discrepancia, o maxistrado da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG indica que en 1992 esa dársena non podía incluírse no convenio xa que o acordo alcanzado entre o Club Náutico e Zona Franca foi posterior.

Ademais, explica que a referida dársena non aparece mencionada na acta de entrega das obras por Zona Franca ao Concello, formalizada en 2003 e na que se remite ás obrigas de mantemento e conservación contidas no convenio.

INVESTIGACIÓN

Está por ver en que medida estas resolucións do TSXG poden afectar o proceso de instrución sobre o propio accidente durante o concerto e ás posibles reclamacións das persoas que presentaron denuncia nos xulgados de Vigo. Este procedemento segue en fase de instrución e aínda non se decidiu se se arquivará ou se continuará (por vía penal ou civil).

Por outra banda, o sinistro tamén orixinou a constitución dunha comisión de investigación no Parlamento de Galicia, ante a que compareceron, entre outros, o alcalde, Abel Caballero, e o que era concelleiro de Seguridade, Carlos López Font, ou o presidente do Porto de Vigo naquel momento, Enrique López Veiga.

CONCELLO DE VIGO

O Concello de Vigo, pola súa banda, asegurou que estudará, a través dos seus servizos xurídicos, as dúas sentenzas do Tribunal Superior. En todo caso, desde o Consistorio destacaron o “importante voto particular” dun dos maxistrados da Sala. O Concello valorou que a decisión do TSXG “non se toma por unanimidade” e “non se impoñen costas, o que constitúe un elemento procesual moi significativo”.

“Os servizos xurídicos do Concello están a estudar a resolución, contra a que cabe recurso de casación e, por tanto, o proceso xudicial non está concluído. Como sempre facemos, esperaremos a decisión dos servizos xurídicos municipais”, conclúe o comunicado.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...