InicioSociedadeO Sergas, condenado a indemnizar con 80.000 euros a familia dunha nena...

O Sergas, condenado a indemnizar con 80.000 euros a familia dunha nena do Baixo Miño falecida tras un diagnóstico tardío

O xuíz estima que houbo perda de oportunidade e que a morte se puido evitar se lle tivesen feito unha proba para descartar infección.

PUBLICADO O

O Sergas indemnizará en 80.000 euros á familia dunha nena de catro anos, da zona do Baixo Miño, que faleceu debido a unha infección non diagnosticada a tempo no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Segundo trasladou o equipo legal que representou á familia, encabezado polo avogado Cipriano Castreje, a cativa padecía leucemia en fase de remisión, e fora intervida en abril de 2014.

En novembro dese ano, foi levada ao hospital ao presentar náuseas, vómitos, taquicardia e malestar xeral. O persoal que a atendeu tratouna con paracetamol e a administración de fluídos, pero a pequena non mellorou.

Xa de madrugada, a nena empeorou o seu estado e o persoal facultativo de garda decidiu manter unha “actitude expectante” á espera da súa evolución, ao considerar que non había ningún cambio respecto da situación previa. Con todo, minutos despois a pequena entrou en parada cardiorrespiratoria e acabou falecendo.

A familia presentou unha reclamación ao Sergas e lembrou que, ao seu ingreso no hospital, a nena foi sometida a unha analítica de sangue pero non a unha proba PCR para a detección de infección. De feito, o resultado do hemocultivo da nena, coñecido posteriormente, foi positivo para a bacteria ‘staphilococus aureus’.

A administración estimou parcialmente a reclamación, e estableceu unha indemnización de 50.000 euros para a familia, pero esta recorreu e agora a compensación aumentouse ata os 80.000 euros, tras a estimación parcial do recurso por parte do xulgado do Contencioso Administrativo 1 de Santiago.

Na sentenza, o xuíz sinala que o médico administrou á nena o tratamento para o “diagnóstico máis evidente”, que era unha reacción á quimioterapia, por tanto a súa decisión non pode considerarse mala praxe.

“PERDA DE OPORTUNIDADE”

No entanto, si admite que houbo unha “perda de oportunidade”, porque non debeu descartarse unha infección, dado que os síntomas tamén eran compatibles. “Para iso bastaba con prescribir unha PCR, que neste caso se fixo, pero tarde”, sinala a resolución xudicial.

Así mesmo, aínda que a nena padecía unha leucemia e tiña afectado o seu sistema inmunitario, “tamén constan en autos informes que acreditan que, de diagnosticarse antes a infección e poderse fornecer o tratamento antibiótico pertinente, as posibilidades de que a nena puidese remontar non eran desdeñables”.

Por iso, establece que a familia debe ser indemnizada nun total de 80.000 euros, dos que 50.000 euros xa foron recoñecidos polo Sergas.

En todo caso, o avogado Cipriano Castreje confirmou que a familia apelará a sentenza e lembrou que o propio Sergas “recoñece” que a exploración reflectida nas notas clínicas “parece escasa se se teñen en conta as recomendacións das guías de Urxencias Pediátricas”, e insiste en que a nena non tivo unha atención adecuada.

ÚLTIMAS

Estudantes de Vigo e Monforte álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

O BNG promete ser “a primeira liña de defensa” de Vigo no Parlamento galego, fronte ao “abandono” da Xunta

O BNG trasladou este venres o seu compromiso de ser "a primeira liña de...

O TSXG confirma a sentenza dun xulgado de Vigo que declaraba legal a prórroga do servizo municipal de auga

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza ditada en 2022...