Polémica con Médicos Sen Fronteiras: “Pode unha ONG que defende dereitos humanos esquecer os laborais?”

Médico dunha ONG / Photopin

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou nula hai uns días a cláusula 7 dos contratos dos captadores de Médicos Sen Fronteiras (MSF), unha cláusula que esixe que o persoal alcance uns obxectivos mínimos en canto a número de socios, así como un financiamento mínimo.

Non alcanzar este dobre obxectivo supón para os traballadores a aplicación dun despedimento disciplinario, sen indemnización, o que supón unha alta taxa de rotación.

Desde CCOO entenden sobre este asunto que, tal e como fallou o tribunal, este tipo de cláusula de rendemento protagoniza unha situación de abuso por parte da ONG, “xa que foi unha cláusula aplicada unilateralmente, que non foi negociada e aplica un réxime sancionador que pode levar a cabo á extinción do contrato cando non alcanzas os obxectivos durante 3 meses de forma consecutiva e durante 6 meses de forma non consecutiva”.

” A situación laboral noutras ong é moitísimo peor”

A día de hoxe é unha cláusula inalcanzable para a maior parte do persoal (só a alcanza o 11% no 2016), xa que conseguir un mínimo de 6 socios semanais e unha cota de financiamento de 115€ é algo que non depende só dos traballadores, senón que depende da voluntariedade de terceiras persoas.

Ademais, en caso de non aplicar o despedimento disciplinario, MSF interpón amoestacións mensuais, “mesmo cando se supera o número de socios, e quedas a céntimos do obxectivo de financiamento”.

CCOO, adherida no ano 2016 á demanda de conflito colectivo presentada pola CNT, cualifica esta sentenza como un logro para as condicións laborais dos captadores de socios, e entende que se abre unha clara oportunidade de mellorar as condicións precarias que se dan no sector, “xa que somos coñecedores de que a situación laboral noutras ONGs é moitísimo peor”.

“Atopámonos ante un sector que precariza a vida da mocidade maiormente, nun sector moi feminizado e que precariza aos persoais de captación con cláusulas abusivas, xornadas de traballo interminables, sen protocolos de violencias e un longo etcétera. Por iso salientamos a necesidade de que a Asociación Española do Fundraising inicie unha revisión na contratación dos captadores”, salientan desde CC.OO.

Ademais, desde os recortes en financiamento público ás ONGs, cobran especialmente importancia estes captadores, sendo o maioría dos casos a maior vía de financiamento para levar a cabo a axuda humanitaria, no caso de MSF o 99% dos fondos son privados e maiormente alcanzados polos seus captadores.

“a ong non deixa de cesar ao seu pesoal dunha forma abusiva e ilegal”

“Por toda esta situación e sendo coñecedores de que MSF recorrerá ao Supremo esta sentenza, CC.OO non entendemos que unha ONG que defende os DDHH olvide o cumprimento dos dereitos laborais“, criticaron.

Por iso, reclaman unha vez máis unhas condicións dignas no sector e en MSF, que deixe de aplicar a cláusula ata que haxa unha sentenza do Supremo ou outras vías de medir o rendemento do persoal.

Ademais, no momento de ratificarse a nulidade da cláusula, “esixiremos a readmisión das persoas despedidas baixo esa situación, xa que a ONG non deixa de cesar ao seu persoal dunha forma abusiva e ilegal, impedindo o mantemento do posto de traballo”, selaron.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here