Xoán Vázquez Mao, Eixo Atlántico: “Os concellos de Portugal e Galicia aumentan a cooperación, a Xunta as mentiras”

Alfredo García, Javier Losada e Xoán Vázquez Mao/ Delegación do Goberno

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, reuniuse este mércores cos responsables do Eixo Atlántico, o seu presidente, Alfredo García, e mais o secretario xeral, Xoán Vázquez Mao, para avaliar as demandas desta institución, que defende o traballo conxunto entre Galicia e Portugal para tódolos ámbitos da sociedade.

Dende Xornal de Vigo entrevistamos a Xoán Vázquez Mao e falamos de cooperación entre Galicia e Portugal, de como respostar conxuntamente as emerxencias, da polémica entre Caballero e o alcalde de Porto ou da evolución económica do país veciño.

P- A cooperación entre Galicia e Portugal aumenta ou diminúe?

R- No que ten que ver cos Concellos, a cooperación aumenta progresivamente, no que respecta á Xunta, aumentan as mentiras. Hai competencias nas que non se moveu nada dende a Autonomía durante os 10 anos de Feijóo, como son a cooperación na sanidade, a educación ou a loita contra os lumes.

En cambio, no ámbito das cidades e concellos o aumento da colaboración é progresivo. En canto á cooperación cultural, existe un traballo bastante heroico e sen apoios que sobrevive grazas aos actores culturais. No empresarial, o retroceso da crise afectou ao desenvolvemento das iniciativas transfronteirizas. En canto ás universidades, dependendo dos reitores.

P- Dende Galicia, miramos a Portugal como rivais ou compañeiros?

R- Sempre vimos aos portugueses como un alongamento noso. A única excepción é cando hai circunstancias adversas, entón se incentivan sentimentos negativos. Hai xente que se deixa formar a opinión propia co que din outros.

Como cando o conflito entre o alcalde de Vigo e o de Porto, fai 4 anos. Por sorte, ninguén fixo nin caso. O alcalde de Porto fixo unhas declaracións que se podían malinterpretar e Abel aproveitou para lanzar unha “campaña” contra a cidade. Estivo en tódolos xornais.

A xente sorprendeuse ao comezo, logo riu. Eran cousas dos dous alcaldes. A cuestión é que cada vez se fala máis de Eurorrexión, un ámbito compartido. Algo no que o noso traballo, como é lóxico, ten que ver.

Caballero, no acto de toma de posesión de Regades/ Miguel Núñez

P- Tamén consideran primordial a cooperación para xestionar catástrofes, como os incendios que asolaron Galicia e Portugal o pasado ano.

R- Imos presentar un informe que elaborou un grupo de expertos liderados por Juan Picos. Conclúe que debemos elaborar conxuntamente a política forestal, porque o lume dun lado pasa ao outro, e non só de Portugal a España como defende algún.

E nas emerxencias, como vimos recentemente en Paramos ou Porriño, empréganse recursos de ambos lados. Polo que hai que organizar unha unidade coordinadora permanente, única, cun mando que un ano sexa galego, outro portugués.

Debe existir un mando único, por riba de todo, para incendios ou para calquera accidente. O obxectivo final é compartir xestión, que non sexa necesario activar protocolos senón que todo funcione de maneira áxil e organizada.

Incendio na Granxa do Porriño/ Miguel Núñez

P- Con frecuencia aparece na prensa o apoio do Eixo Atlántico a certas infraestruturas de transporte como as liñas de ferrocarril. É algo prioritario para vós?

R- A mobilidade é moi importante, porque sen ela non hai desenvolvemento e sen desenvolvemento non hai traballo. Pero tamén organizamos moitas máis cousas, esa sensación nace do que é máis rendible para os medios.

Cando organizamos unha bienal por exemplo, é noticia no lugar onde se celebre, se nos reunimos co ministro para unha infraestrutura… aparece en tódolos sitios.

P- A situación laboral e económica é peor en Portugal que en Galicia?

R- Durante os momentos máis duros da crise, pasárono peor que nós, porque os seus políticos deron prioridade á saída do rescate, mantendo os privilexios das elites. Como Sérgio Monteiro, que chegou á política desde a banca e despois regresou a ela.

Todo recaeu sobre o pobo. É un mal endémico de Portugal, que viviu unha triple crise: a mundial, a propia e a española, que tamén repercutiu neles. O Goberno sacou ao país do rescate a costa da parte social.

Pero agora está recuperándose rápido porque o están facendo moi ben, sobre todo as políticas de investimento, a utilización dos fondos europeos. Algo que en Galicia non se fai. Ademais, están a apostar polo mar, que ten o seu propio ministerio.

Xoán Vázquez Mao, á esquerda de Javier Losada e Alfredo García / Delegación do Goberno

P- Algúns sindicatos de Galicia quéixanse de que certas empresas están utilizando traballadores portugueses para que traballen por debaixo dos nosos convenios. Como solucionalo?

R- Os sindicatos deberían activar o Consello Interrexional Intersindical para Galicia e o Norte de Portugal. Pero é unha proposta, impulsada por xente como Xan María de Castro, secretario Xeral de CC.OO en Galicia, que co tempo esmoreceu. O primeiro sería activar o Consello.

Tamén existía unha oficina de emprego conxunta, Eures transfronteirizo, pero se deixou caer. Absorbeuna a Xunta e non sabemos xa nin se existe. Todo o mundo mira cara outro lado. Cal é a cuestión? Os convenios, como traballador, tense que aplicar.

Pero aos traballadores portugueses os contratan como autónomos. Entón si que se poden aproveitar de que o nivel salarial é máis baixo en Portugal. E non é ilegal, pero eu o considero un fraude de lei.

P- Hai máis exemplos disto?

R- No segundo mandato de Zapatero, foi o Plan-E, e investiuse moito diñeiro en beirarrúas, calzada… Polo que fora, case todos os contratos os levaban as mesmas 3 ou 4 empresas. Pola famosa cualificación, que é unha trampa. E contrataban a portugueses como se foran empresas.

Denuncieino e quedeime só. Os traballadores non tiñan nin horarios. A que se levaba o beneficio era a empresa. Os portugueses viñan, contratados como autónomos, de lugares como Paredes de Coura, Cerveira… Os sindicatos non dixeron nada.

Tamén pasaba bastante no Val Miñor que a xente ía a Portugal a buscar algún portugués para poñer a lastra, porque os seus mellores instaladores son os portugueses. Moitos particulares ían a Portugal, traían un operario e nun día facían o traballo. Sen factura nin nada.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here