A residencia de Mos na que morreu unha muller afirma que non tiña covid-19, pero a Xunta mantén que estaba infectada

Os responsables do centro Virgen de Guadalupe lamentan a "alarma" xerada e recoñecen que hai contaxiados entre os residentes, pero "todos asintomáticos".

Un traballador sanitario realiza un traslado dun paciente con covid / EP

A residencia Virgen de Guadalupe de Mos asegurou este martes que a muller de 89 anos que faleceu o pasado venres no centro non tiña Covid-19, a pesar de que a Xunta notificou, e mantén, o seu deceso como persoa afectada pola enfermidade.

Sanidade informou nas últimas horas do falecemento de 9 persoas ás que se diagnosticou Covid-19, entre elas unha muller de 89 anos, que estaba nesa residencia. O seu director, José Andrade, precisou que a muller “xa negativizara” cando faleceu e insistiu en que “non morreu pola Covid”, xa que padecía numerosas patoloxías.

O responsable da residencia incidiu en que hai casos de coronavirus entre os usuarios do centro (no último informe de Política Social, do pasado 12 de xaneiro, contabilizábanse 25 casos nesta residencia) pero “todos son asintomáticos e moitos deles xa negativizaron.

No caso da muller falecida, reiterou, a súa saúde estaba moi deteriorada e, cando morreu “non o fixo por Covid, porque non tiña”, senón polas numerosas patoloxías que padecía. Ademais, engadiu, a propia residencia notificou á Administración que negativizara e lamentou a “alarma” xerada.

Mentres, Sanidade mantén que a muller estaba contaxiada polo virus cando faleceu aínda que, como é habitual desde o inicio da pandemia, non se especifica que a morte fose provocada por Covid, senón que tiña a enfermidade. Así mesmo, informouse de que tanto ela como os outros 8 falecidos notificados nas últimas horas, padecían patoloxías previas.