InicioSociedadeCentros de Atención Primaria da área de Vigo rebélanse contra a directriz...

Centros de Atención Primaria da área de Vigo rebélanse contra a directriz do Sergas de restrinxir a actividade pola onda de covid-19

Algúns centros optan por manter citas e seguir coas axendas abertas. A xerencia viguesa di agora que non é unha instrución de obrigado cumprimento, senón unha "ferramenta máis" para paliar a sobrecarga.

PUBLICADO O

Algún dos 14 centros de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo que a principios desta semana recibiron a indicación de bloquear axendas do que non fose asistencia urxente ou seguimento Covid-19 ante a explosión de casos para afrontar a sobrecarga asistencial optaron por manter citas e seguir coas axendas abertas.

Así o ratificaron fontes dalgún deses centros de primaria que recibiron o documento da dirección de Atención Primaria da área sanitaria de Vigo. En casos como o do centro de saúde da Guarda, médicos decidiron non desprogramar a pacientes citados por considerar que sería “unha medida que supón máis prexuízo” suspender citas e volver programalas ao ser “máis sobrecarga” para o persoal administrativo.

Restrinxida a actividade en 14 centros de Primaria, cuxos médicos só atenderán urxencias e Covid ante a ameaza do colapso

Este mércores, persoal da xerencia da área de Vigo mantuvio unha reunión coa Xunta de Persoal na que “desmentiron” que eses 14 centros de saúde “só atendan” a pacientes Covid e casos graves, sinalaron fontes sindicais.

“Están a facer axenda nos centros”, asegurou a delegada de CCOO nesta área sanitaria e presidenta da Xunta de Persoal, María José Diéguez, quen incidiu en que hai “profesionais enfadados” por esa indicación transmitida de bloqueo axendas que, recalcou, “seguen abertas” e os pacientes poden pedir citas.

Tras insistir a Xunta de Persoal que “non se pecharon as axendas” en primaria neses 14 centros, indicaron que a xerencia lles ratificou este mércores que van incorporar médicos de familia e enfermeiros xubilados en centros onde “por espazo físico” se lles poida habilitar un oco para facer labores relacionadas con tramitación de baixas e seguimento de pacientes Covid.

En relación á situación das axendas en primaria, fontes da xerencia da área sanitaria viguesa matizaron agora que a indicación remitida a eses centros de Atención Primaria non é unha instrución de obrigado cumprimento, senón unha “ferramenta máis” para paliar a sobrecarga no contexto actual de “casos de Covid”.

E as mesmas fontes matizaron que se estableceu esta “ferramenta” para “axudar” a aliviar a sobrecarga, ata que a partir do próximo luns se incorporen profesionais que estiveron de descanso.

MÁIS PUNTOS DE TEST

Na reunión coa Xunta de Persoal, así mesmo, trasladáronlles aos sindicatos que se van habilitar novos puntos de test de antíxenos para detectar casos de Covid na área sanitaria de Vigo.

E neste encontro, apuntóuselles aos sindicatos que non se van suspender descansos de profesionais “porque non poden máis”, explicou  o delegado da CIG na área de Vigo, Miguel Tizón, quen incidiu en que os sanitarios “están desbordados”.

A Atención Primaria “está fatal”, resaltou este delegado da CIG, quen recalcou que “está máis que desbordada”, xa que a explosión de casos de Covid “esnaquizouna”.

MAREA ATLÁNTICA

O grupo municipal de Marea de Vigo cualificou de “auténtico escándalo” a directriz do Servizo Galego de Saúde de reducir axendas de atención a pacientes.

A concelleira Oriana Méndez censura a decisión. Para a edil da Marea, a situación é “especialmente grave” ante os efectos da pandemia e “os once anos de recortes e precarización” na sanidade pública.

“A covid non fai máis que cronificar o colapso de hospitais e centros de saúde”, engadiu Méndez, que interpreta a decisión do Sergas para a área de Vigo como “unha nova tentavia privatizadora e desmanteladora” da atención primaria.

Defensa da Sanidade Pública tacha de “represalia” a restrición da actividade nos 14 centros de saúde de Vigo

ÚLTIMAS

O BNG pide grupos e artistas locais en Castrelos, tamén como teloneiros, no canto do “autobombo” do alcalde

O grupo municipal do BNG en Vigo volveu a pedir un ano máis que o Concello...

O PP denuncia a Caballero o ocultamento “intencionado” da perda de fondos europeos para reformar o parque Camilo José Cela

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo denunciou este luns que o...

Ferido grave un home ao caer desde un tellado no que traballaba no porto pesqueiro do Berbés

Un home resultou ferido grave este luns ao precipitarse desde o tellado no que...

Detido por exhibicionismo un home que se facía tocamentos e se masturbaba na praia viguesa de Samil

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 42 anos de idade, A.D.,...