InicioSanidade: "por desgraza" as urxencias de Moaña seguirán en Cangas

Sanidade: “por desgraza” as urxencias de Moaña seguirán en Cangas

Os nacionalistas vinculan esta situación co "proceso de desmantelamento do público".

PUBLICADO O

O servizo de urxencias sanitarias de Moaña seguirá en Cangas  “de momento” e “por desgraza”, segundo apuntou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, no pleno do Parlamento.

A preguntas do deputado Paulo Riós (BNG) na Cámara autonómica, o conselleiro sinalou que en Moaña “tería que haber dous” profesionais “máis” que deixaron a praza por un concurso voluntario de traslados. Concurso ao que supón “que o Bloque non se oporá”, apostilou.

Asegurando que “se fai todo o posible para tratar de cubrir esas vacantes”, o titular de Sanidade sinalou que “a pandemia condicionou”, dadas as características dese centro de saúde e da PAC e as urxencias de Moaña foron levadas ao centro de saúde de Cangas “e de momento por desgraza vai ter que seguir sendo así”, mentres a crise sanitaria non se supere.

O nacionalista, pola súa banda, vinculou co “proceso de desmantelamento do público” esta situación e reprochou á Xunta o “xogo de enfrontar a veciños cos profesionais”, o que levou aos facultativos “a pedir incluso un garda xurado debido á tensión”.

“Déixese de escusas de mal pagador, poñan os médicos que fan falta e recuperemos as urxencias na nosa vila”, subliñou o parlamentario, ao que o conselleiro respondeu que “o problema é que non os hai” –os médicos– por ese traslado e que non hai “substitutos”.

“Esa é a realidade que vostedes non queren afrontar. Estamos a traballar co ministerio buscando ter máis profesionais”, concluíu o responsable da sanidade galega.

Ademais, engadiu que o Goberno galego segue “esperando polo terreo para poder facer o centro de saúde” e leva así “desde febreiro de 2020”, polo que instou a “as forzas políticas de Moaña” a que “dean un paso” neste sentido, pois xa está listo o proxecto básico.

O BAIXO MIÑO

Ha continuación foi o nacionalista Manuel Lourenzo o que, no mesmo pleno, preguntou ao titular de Sanidade polas medidas da Xunta ante a folga anunciada polos facultativos do Baixo Miño.

Respecto diso, reivindicou o “exercicio de dignidade histórica” dos veciños da comarca, que saíron á rúa “ao berro de máis médicos e menos propaganda”.

Comesaña precisou que a folga “que a CIG convocou, non os profesionais, chámanlle do Baixo Miño pero é da Guarda, O Rosal e Oia, que efectivamente teñen un problema gravísimo”.

Así, sinalou que “de 13 prazas hai catro baixas de longa duración”. En concreto na Guarda “de oito, hai cinco” e existen “catro vacantes”, que son “prazas que se ofertan á OPE” pero A Guarda é en ocasións “o último destino” e “non se cobre”. “Non teño unha varita máxica para facer que aparezan os profesionais”, resolveu.

ÚLTIMAS

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presenta a súa renuncia para centrarse na súa actividade no Congreso

A concelleira do PP de Vigo Irene Garrido presentou este venres a súa renuncia...

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Stellantis Vigo espera que o Perte se resolva “a final de mes”

O director da planta viguesa do grupo automobilístico Stellantis, Ignacio Bueno, ve "difícil" superar...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...