InicioMedio Ambiente e PatrimonioAxentes forestais e medioambientais acusan a Xunta de vulnerar a seguridade laboral

Axentes forestais e medioambientais acusan a Xunta de vulnerar a seguridade laboral

PUBLICADO O

A representación da CIG e da UGT no colectivo de axentes forestais e medioambientais presentou este luns denuncias nas catro delegacións provinciais da Inspección de Traballo contra a Consellaría de Medio Ambiente por incumprimentos en materia de protección e seguridade no traballo.

Os axentes solicítanlle á Inspección que inste o departamento autonómico a cumprir a normativa en materia de prevención de riscos laborais e actúe de xeito inmediato para corrixir as “graves deficiencias” denunciadas.

Nos escritos presentados, lembran que a Consellaría conta cun documento de avaliación de riscos laborais para o persoal de campo do Servizo de Conservación da Natureza no que se recollen as medidas correctoras que se deben aplicar para reducir ou minimizar os riscos aos que está exposto tanto o persoal funcionario como o laboral adscrito ao este servizo. “Mais a día de hoxe seguen sen aplicarse moitas das medidas previstas no Plan de Acción, supoñendo un risco para a seguridade e saúde laboral dos traballadores”, subliñaron.

Incendios Fornelos De Montes.
Un hórreo mantense en pé,despois de ser arrasado o monte colindante preto de Fornelos De Montes/ Miguel Núñez

Entre os incumprimentos, citan que non se lles informase aos axentes dos riscos do seu posto de traballo, agás aos que se encargan de tarefas concretas como a vespa velutina. Aseguran que tampouco se lles proporciona formación en materia de prevención dos riscos inherentes ás súas funcións, nin se lles formou en técnicas de afrontamento de condutas agresivas e conflitos nin en técnicas de captura de animais, coidados e forma de actuación.

Non se lles dotou de EPI contra eventuais riscos biolóxicos ou químicos aos que podan estar expostos e tampouco do material que establece o Plan, como luvas, lentes ou calzado axeitado.

Ademais, “na entrada e saída das granxas ou explotacións gandeiras non se toma ningunha medida hixiénica que minimice riscos de contaxio de enfermidades nin a súa exportación fora da explotación. Nin se colocan calzas, funda ou se realiza ningún protocolo hixiénico”, engaden.

“O persoal tamén carece de formación en riscos biolóxicos derivados da manipulación de animais e cadáveres de animais. Non se dotou a cada oficina de redes e útiles para manipular animais silvestres; no caso das serpes non hai pinzas axeitadas para manipulalas, así como luvas para evitar mordeduras no seu manexo. Non se formou os traballadores en técnicas de captura, coidados e forma de actuación”, subliñaron.

“o persoal non ten formación para prever un golpe de calor”

Tamén se denuncia que “non se estableceu ningunha medida concreta para evitar problemas de saúde ou accidentes debido a temperatura ou outras variábeis climáticas, polo que o persoal non ten formación nin información para prever un golpe de calor ou hidratarse axeitadamente; os vehículos non teñen cadeas ou sistemas para evitar escorregamentos na neve, e moitos deles levan rodas de estrada para circular polo monte; e tampouco se organiza o traballo tendo en conta os rigores climáticos, e moitas veces trabállase en solitario xa que non se cobren permisos, vacacións, baixas nin vacantes, o que minguou considerabelmente o cadro persoal”.

“O persoal carece de cascos para evitar golpes por caídas de obxectos na realización de tarefas concretas ou na entrada en instalacións como obras de estradas, vías e infraestruturas hidráulicas ou cortas de árbores. Tampouco ten formación en primeiros auxilios nin evacuación“, lamentan os traballadores.

Nos escritos presentados na Inspección tamén se lembra que” a pesar de que o persoal de conservación da natureza traballa só moitas veces, no medio natural e en situación de illamento, non esta prevista ningunha medida de seguridade para detectar un problema de saúde ocasionado durante a actividade laboral ou un accidente”.

Ademais, denuncian que “os vehículos teñen importantes deficiencias derivadas da falta de mantemento. Dende o apagón analóxico de 2016 o persoal carece de emisoras para a comunicación, o que é especialmente perigoso en zonas de sombra para teléfonos móbiles”.

“Nas funcións que os axentes ambientais realizan sobre o control da actividade cinexética non teñen activada a día de hoxe ningunha medida de seguridade persoal, como chalecos antibala”, subliñan.

fume lume incendios
Un paisano camiña cara o incendio do monte rodeado por un fume denso/ Miguel Nuñez

E lamentan que “os accidentes derivados do control da caza e outras agresións sufridas polo persoal nos últimos anos son unha preocupación continua xa que a Xunta non tomou ningunha medida para evitar estas situacións”.

Finalmente, denúnciase que “os axentes forestais e ambientais teñen entre as súas funcións a de dirección técnica de extinción, polo que existe unha asignación temporal de reforzo no verán dalgúns axentes dende o servizo de conservación da Consellería de Medio Ambiente cara ao servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Consellería do Medio Rural”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...

Abel Caballero ve no novo expediente da UE “a gran ocasión” para lograr a gratuidade total da AP-9

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, ve o novo expediente de infracción que a UE...