O Concello de Vigo saldará a súa débeda no cofinanciamento de escolas infantís da Xunta para optar á gratuidade

A Xustiza deulle a razón á Xunta no conflicto co goberno vigués.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero / Concello de Vigo.

O Concello de Vigo saldará a débeda que ten co Consorcio Galego de Servizos de Benestar e Igualdade, relativo ás liquidacións polo cofinanciamento de servizos como escolas infantís, e poderá optar á medida de gratuidade anunciada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, durante o Debate do Estado da Autonomía.

O alcalde da cidade, Abel Caballero, afirmou este luns que o goberno galego “terá que pagar” a gratuidade das escolas infantís de Vigo, porque o Concello “estará sen débeda”, e iso despois de que o presidente da Xunta matizase que poderán acollerse a esas axudas todas as escolas infantís, incluídas as municipais cuxo concellos estean ao corrente de pago co Consorcio.

O rexedor evitou afirmar expresamente que o Concello pagará o que debe, e limitouse a proclamar: “Preparen os 2,1 millóns de euros, que van pagar as escolas infantís municipais”. Ademais, criticou que a administración autonómica “condicione” esas subvencións “a que lle paguen outras institucións”, en alusión ao conflito xudicial entre Concello e Xunta polo modelo de cofinanciamento de escolas infantís e centros de día.

De feito, a pasada fin de semana a Xunta fixo pública a última sentenza xudicial que, “por cuarta vez”, avala ese modelo de cofinanciamento, rexeitando o recurso interposto polo Concello con respecto ás liquidacións correspondentes ás escolas de Valladares e rúa Palencia (uns 100.000 euros).

Abel Caballero, sen referirse a esa resolución, acusou o goberno galego e a Feijóo de exercer o “matonismo político” e o “abuso”, e lembrou que “hai unha norma” entre as administracións cando se trata de reclamar pagos, de maneira que se estes están en discusión nos tribunais, non se fan efectivos ata que se dita unha sentenza firme.

Por outra banda, e con respecto ao anuncio do presidente galego sobre a gratuidade das escolas infantís, o alcalde volveu a insistir en que esa medida debe aplicarse “xa o 1 de xaneiro de 2022, e non esperar ao comezo do próximo curso”, e que “debe incluír o pago do comedor”.