Un estudo liderado desde Vigo conclúe que Marte presentaba condicións de habitabilidade hai 3.500 millóns de anos

Os resultados da investigación foron publicados na revista científica 'Nature Astronomy'.

Unha das perforacións realizadas por 'Curiosity' na súa travesía por Gale. NASA

Un estudo liderado pola investigadora da Universidade de Vigo (UVigo) Elisabeth Losa-Adams concluíu que Marte reunía as condicións básicas imprescindibles para albergar vida hai 3.500 millóns de anos.

A investigación, publicada por ‘Nature Astronomy’, centrouse nun tipo de arxila, as glauconíticas, recollidas polo rover ‘Curiosity’ no cráter Gale en Marte en 2016, segundo explicou a universidade.

A este respecto, os investigadores detallaron que o mineral só pode conformarse en contornas de soporte de vida similares aos da Terra, onde tamén está presente. Por iso, Losa-Adams sinalou que a súa presenza no cráter “indica que durante o período no que se formaron houbo condicións favorables para a vida tal e como se coñece hoxe en día”.

En concreto, a presenza de glauconita mostra a existencia de auga líquida en condicións de temperatura e salinidade similares ás dos océanos terrestres actuais, así como a “prevalencia ‘estable’ destas condicións en períodos de entre 1.000 e un millón de anos”.

A científica Losa-Adams forma parte do grupo de Xeoloxía Mariña e Ambiental da UVigo (Geoma) do Centro de Investigación Mariña e lidera un equipo internacional no que participan a investigadora da mesma universidade Carolina Gil Lozano e A.G. Fairen, do Centro de Astrobioloxía. Ademais, contou con colaboración de Luís Gago Duport do Grupo XM1 da UVigo e expertos da NASA, que forman parte do equipo dun dos rovers que se atopan en Marte, o ‘Curiosity’.