Galicia inicia esta semana cunha repunta dos hospitalizados pola Covid-19 a 125 pacientes, oito máis que a xornada anterior, e un descenso dos novos contaxios a 76, que supoñen 48 menos, mentres que os casos activos manteñen a tendencia descendente e redúcense a 2.262.
Segundo os datos actualizados na mañá deste luns pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18,00 horas deste domingo, `por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe nas de Santiago e Barbanza, Ourense, Pontevedra e O Salnés e Lugo, mentres que se mantén nas da Coruña e Cee, Vigo e Ferrol. Na de Vigo aínda que aumentan a sete os críticos –dous máis– baixan a 18 os doutras unidades –dous menos–.
CASOS ACTIVOS
Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 no conxunto de Galicia seguen coa tendencia descendente e encadean nove xornadas consecutivas de caída até situarse nos 2.262, que supoñen 38 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (114) que novos contaxios (76). Tamén baixan na área de Vigo (-13) aínda que se mantén á cabeza en infeccións activas, con 665.
En canto aos novos contaxios de Covid-19 detectados por calquera tipo de proba descenderon por baixo do centenar –feito que sucedeu o martes da semana pasada– até os 76, que supoñen 48 menos que os 124 do día anterior. Do total de positivos, 75 foron confirmados por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos difundidos por Sanidade, deles 18 na área de Vigo.