InicioSociedadeAcepta dous anos de prisión por lanzar lastros á Policía durante un...

Acepta dous anos de prisión por lanzar lastros á Policía durante un mitin de Vox en Vigo

Inicialmente, a Fiscalía pedía para Rubén R.P. a pena de catro anos e medio de prisión, e o pago de 1.800 euros de multa.

PUBLICADO O

Un mozo acusado de atentado contra a autoridade e de lesións por lanzar lastros a axentes da Policía Nacional no marco dunha protesta durante un mitin de Vox en Vigo aceptou a pena de 2 anos de prisión e pagar unha multa de 240 euros.

Así se pactou entre as partes este mércores, de modo que non foi necesario celebrar o xuízo que estaba previsto na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede na cidade olívica, e a sentenza xa é firme.

O acusado, Rubén R.P., recoñeceu os feitos e aceptou a pena imposta, tras aplicárselle as circunstancias atenuantes de adicción (no momento dos feitos atopábase baixo os efectos de sustancias que minguaban parcialmente a súa capacidade volitiva) e de reparación do dano (o mozo xa consignou parte das indemnizacións aos axentes lesionados).

Así mesmo, o tribunal determinou a suspensión de pena de prisión por un período de 3 anos, coa condición de que o procesado non delinca neste tempo e de que abone, antes do 30 de xuño, o que lle resta da responsabilidade civil, uns 148 euros.

FEITOS ADMITIDOS

Os feitos sobre os que se ditou sentenza e que o acusado recoñeceu ocorreron o 24 de outubro de 2019, cando o Auditorio Mar de Vigo acollía un mitin de Vox, con presenza de Santiago Abascal e como acto de precampaña das eleccións xerais de novembro dese ano.

Nos exteriores do recinto produciuse unha concentración dunhas 300 persoas, na que este mozo participou e, nun momento determinado, cando os axentes de Policía ordenaron dispersarse á xente, iniciouse un enfrontamento con lanzamento de valos e pedras. O procesado lanzou dous lastros que alcanzaron a senllos axentes, causándolles lesións leves nunha man e nun pé.

Inicialmente, a Fiscalía pedía para Rubén R.P. a pena de catro anos e medio de prisión, e o pago de 1.800 euros de multa. Finalmente, a condena rebaixouse ao aplicárselle as circunstancias atenuantes.

ÚLTIMAS

Chega aos Play Doc ‘Salvaxe, Salvaxe’ un filme ecoloxista galego premiado en Málaga

O filme galego ‘Salvaxe, Salvaxe’ chega a Galicia este mes de maio, despois de...

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

A oposición viguesa denuncia que Caballero veta o pronunciamento da Corporación sobre a saída sur e o AVE a Porto

Os grupos da oposición no Concello de Vigo denunciaron este mércores que o goberno...

Saen de prisión os tripulantes do MV Karar coa obrigación de comparecer quincenalmente

Os 14 tripulantes do MV Karar, interceptado en abril de 2020 cando navegaba cara...