O Sergas atribúe a un erro informático os problemas de vacinación en Vigo desta fin de semana

Di que o erro "beneficiou" a un grupo de persoas nadas en 1947, é dicir, persoas que neste ano cumpren 74 anos de idade.

Preparación da vacinación / EP

Un erro informático no sistema de citación para a administración de vacinas derivou na vacinación na área Sanitaria de Vigo dun grupo de persoas ao que “aínda non lle tocaba” polo seu grupo de idade tal e como aconteceu tamén en Santiago.

Así o confirmaron a Europa Press fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas), que explicaron que este erro “beneficiou” a un grupo de persoas nadas en 1947, é dicir, persoas que neste ano cumpren 74 anos de idade.

Estas persoas, cuxo número total non transcendeu, foron citadas para vacinarse o sábado e domingo pasados no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi). Trátase dun grupo “a maiores” dos que estaba previsto vacinar durante o fin de semana.

Este luns, o Sergas comunicou que o pasado fin de semana foron chamadas a vacinarse no Instituto Feiral de Vigo 34.200 persoas, e acudiron a vacinarse máis de 27.900 (un 81,6 %). Delas, 12.833 persoas teñen entre 60 e 65 anos e 15.098 entre 75 e 79.

Doutra banda, na área Sanitaria de Vigo, entre este martes e mércores citouse a 9.500 persoas de entre 75 e 79 anos. Ademais, este luns empezouse a vacinar no Hospital Álvaro Cunqueiro a grupos de pacientes de risco, empezando polos que se atopan en diáleses, tras o que irán pacientes transplantados, oncolóxicos hematológicos e oncolóxicos metastásicos.