Un estudo de CSIC e UVigo conclúe que as augas residuais permiten prever a evolución da pandemia

Sinala que o incremento de concentración de material xenético do virus na entrada de depuradoras "adiántase entre sete e 10 días á detección de novos infectados"

Investigadores do grupo Inmunoloxía e Xenómica / CSIC.

Un estudo levado a cabo por investigadores do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), a Universidade de Vigo (UVigo) e Geseco Aguas concluíu que a análise da presenza do SARS-CoV-2 nas augas residuais resulta representativo da evolución da pandemia en Galicia e permite prevela.

A iniciativa realizouse no marco do proxecto DIMCoVAR, financiado con máis de 200.000 euros polo Fondo Supera Covid-19, lanzado por Banco Santander en colaboración con Crue Universidades Españolas e o CSIC, segundo detallou esta última entidade. Así, analizouse a presenza de material xenético do SARS-CoV-2 nas augas residuais de entrada de 11 depuradoras de Galicia e os seus puntos de vertedura no medio mariño recollidas por Geseco Augas.

Deste xeito, o investigador do grupo de Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental (BiotecnIA) da UVigo Claudio Cameselle e a científica do grupo de Inmunoloxía e Xenómica do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) Beatriz Novoa concluíron que a mostraxe nas depuradoras seleccionadas, situadas entre Cedeira e Baiona, “resultou representativo da evolución da pandemia a nivel de Galicia”.

A selección das estacións depuradoras analizadas buscou incluír localidades con diferentes niveis de poboación nas que non se producise unha entrada de augas procedentes de grandes hospitais, o que aumentaría a presenza do virus.

Cameselle explicou que “os valores medios da 11 EDAR son un fiel reflexo da evolución da pandemia”, polo que afirmou que “a análise da presenza de materia xenético do virus nas augas residuais é unha boa ferramenta para detectar con suficiente antelación a evolución do número de infectados na comunidade que verte as súas augas na EDAR en estudo”.

Os investigadores resaltaron que “o incremento de concentración de material xenético do virus na entrada da EDAR adiántase entre sete e 10 días á detección de novos infectados por PCR polas autoridades sanitarias”. Así, Cameselle apuntou que os datos remitidos de modo semanal a Augas de Galicia permiten que as autoridades detecten posibles rebrotes de acordo coa tendencia da concentración do virus e poidan xestionar os recursos sanitarios.

En concreto, os investigadores dos grupos de investigación Inmunoloxía e Xenómica e Enxeñaría de Procesos do IIM-CSIC asumiron a detección do material xenético do virus por PCR e o desenvolvemento do modelo epidemiolóxico en base aos resultados das análises.

O primeiro grupo centrouse en alcanzar e optimizar as mellores técnicas para o diagnóstico de SARS-CoV-2 en augas residuais, mentres o segundo levou a cabo a análise dos datos mediante o desenvolvemento de modelos matemáticos predictivos para determinar a dinámica da pandemia e prever a súa evolución en distintas localidades.

SITUACIÓN ACTUAL

As análises máis recentes, realizadss a finais do pasado mes, arroxaron unha concentración na EDAR en estudo de entre 3.000 e 18.000 copias por litro, uns valores considerados polos investigadores “discretos” comparados cos obtidos durante o mes xaneiro, durante a terceira onda, cando se chegou a alcanzar o millón por litro.

Tras un descenso da presenza de material xenético do virus durante febreiro, os investigadores sinalaron que as últimas análises permiten concluír que “o virus segue en circulación” e que “a aparición dunha nova onda é un risco real, similar ao sucedido en decembro 2020”.