InicioSociedadeA UVigo trasladará "en dous anos" varias titulacións ao centro da cidade

A UVigo trasladará “en dous anos” varias titulacións ao centro da cidade

Espera determinar os seus usos en 4 ou 5 meses, para o que terá en conta aos centros e os distintos colectivos da universidade

PUBLICADO O

A Universidade de Vigo (UVigo) atópase en negociacións “moi maduras” co Consorcio da Zona Franca (ZFV) para a adquisición do conxunto de inmobles do antigo centro de informática de López Moura. Con iso, prevé trasladar varias titulacións ao centro da cidade nun prazo máximo de dous anos.

Nunha rolda de prensa este luns, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, comentou que están “bastante preto de ter un acordo” sobre a adquisición do inmoble. Unha vez comprado, dixo, decidirán que usos daranlle ao edificio: “non é o mesmo unha biblioteca que se pomos unha titulación determinada”, explicou.

Reigosa indicou que “moitas titulacións poderían sacar vantaxe de estar nesta contorna“, no centro da cidade, pero apuntou que outra posibilidade sería mover ao novo inmoble a biblioteca que actualmente se sitúa en Torrecedeira e levar a alí titulacións de máster.

A iso engadiu o seu respaldo a que a nova filoloxía aplicada galego-español (que, de recibir luz verde por parte da Xunta, o próximo curso substituirá o grao de Estudos de Galego-Español) sexa “das primeiras” en trasladarse á nova localización no centro da cidade.

Neste contexto, indicou que espera que nun prazo de entre catro e cinco meses a universidade fixese a “reflexión” para determinar que titulacións serán as que se trasladen ao centro da cidade no curso 2022/2023. “Quero esperar a ver a resposta dos centros e os distintos colectivos, aínda está todo aberto”, asegurou.

UN INMOBLE NO CENTRO DE VIGO

O reitor subliñou que a universidade ten como un “obxectivo irrenunciable” incrementar a súa presenza na cidade. É neste marco no que iniciou a procura dun inmoble, polo que deu comezo o proceso de compra do centro de informática, adquirido por Zona Franca en setembro do ano pasado.

Así, Zona Franca asinou o pasado mes de setembro a compra a Abanca do inmoble de López Mora, un conxunto de catro edificios de oficinas sobre unha parcela de 8.500 metros cadrados cuxo prezo taxado é de 12,3 millóns de euros. En concreto, o conxunto divídese en catro edificios: de 2.100, 366, 750 e 255 metros cadrados de planta, respectivamente.

O delegado de Zona Franca, David Regades, lembrou na rolda de prensa deste luns que o Consorcio comprou estes inmobles co obxectivo de reconvertervos nun centro de negocios. No entanto, chegoulles esta proposta de cambio de usos para traer á UVigo ao centro da cidade e a Zona Franca non pon “nunca trabas á universidade”.

Neste sentido, aseverou que as negociacións de compra están nunha “fase moi madura” para que a universidade “recupere este espazo (que necesita reformas) para a docencia e a investigación”.

ACHEGAMENTO Á CIDADE

O alcalde, Abel Caballero, que recoñeceu a “extraordinaria traxectoria” da Universidade de Vigo, apoiou que “é bo que se produza cada vez un maior achegamento á cidade da docencia e a investigación”. Así, considerou que o aumento de titulacións no centro suporá “unha maior interacción e capacidade de coller ideas da universidade e aplicalas”.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...