InicioCultura"Outra vaca no millo!": as 1.367 expresións con animais do galego, un...

“Outra vaca no millo!”: as 1.367 expresións con animais do galego, un tesouro que protexer

PUBLICADO O

- Advertisement -

“Chámalle burro ao cabalo!”, “outra vaca no millo!”, “botar o carro diante dos bois”; “na terra dos lobos hai que ouvear coma eles”; “acabárselle a vaca leiteira”; “moitos cans para un (só) óso”; “sempre un ruín porco a de topar unha boa landra”…

Estes son só algúns exemplos dos centos de ditos e refráns que forman parte da historia do pobo e da cultura galega e que foron recollidas pola investigadora Andrea González na súa tese de doutoramento, unha minuciosa investigación sobre as expresións figuradas galegas que retratan o mundo animal.

“O estudo permite recuperar unha parte da historia da Galicia rural que hoxe en día parece cada vez máis esquecida”, explica a autora da tese, doutora en Lingüística Galega, ao tempo que insiste en que  a recolleita destas expresións contribúe “a que non se perda un tesouro tan valioso para a nosa cultura, posto que as expresións figuradas son cada vez menos usadas e coñecidas, sobre todo nas xeracións máis novas, polo que moitas delas desaparecen coa morte das persoas anciás”.

Defendida na Facultade de Filoloxía e Tradución, na tese analízanse 1317 expresións figuradas galegas que teñen como referentes os animais e que son froito do baleirado de dicionarios galegos, tanto de carácter xeral como especializados en fraseoloxía, e da realización de máis de 300 enquisas.

Fotografía incluída na tese/ Duvi

Trátase dun recurso posto agora a disposición da comunidade investigadora interesada en consultar, agrupadas por animais, tanto as expresións xa rexistradas nas fontes lexicográficas como as extraídas da oralidade.

O can, o favorito

Os animais que máis frecuentemente aparecen como referentes das expresións figuradas analizadas son aqueles que están próximos ao eido doméstico: o can, presente en 161 destas expresións; o gato, en 90, e o burro, en 72, seguido dunha longa lista de animais entre os que figuran, como non podía ser doutra maneira, a ovella, a galiña ou a vaca.

“As persoas adoitamos fixarnos nas realidades máis próximas e coñecidas para conceptualizar distintos aspectos da nosa vida diaria”, subliña a autora. Así e todo, tamén teñen presenza nestas expresións os animais salvaxes (lobo, raposa, curuxa, víbora, …) e, en menor medida, os exóticos (elefante, papagaio, león, hiena…).

A análise concreta destes cinco grupos de animais mostra que, de xeito xeral, a valoración que fan os galegos e as galegas destes animais concorda coa recollida, de forma máis directa, nas enquisas realizadas.

“Rexístranse nestas últimas algunhas oposicións semánticas con respecto aos valores tirados da análise das expresións figuradas, que responden a unha interpretación diferente dos animais propiciada, na maior parte das ocasións, pola desruralización e o cambio nas súas condicións de vida e na súa relación cos seres humanos”, explica a investigadora.

Así ocorre, por exemplo, coas expresións que teñen o burro como referente (ser coma o burro do arrieiro ‘persoa que sofre os abusos dos demais’), un animal que practicamente non se usa hoxe en Galicia para os traballos agrícolas).

A investigadora Andrea González, autora da tese/ Duvi

“Cómpre ter en conta que as expresións figuradas analizadas presentan imaxes procedentes de escenarios rurais, en grande medida do pasado, polo que o comportamento do animal que funciona como referente de ditas expresións será distinto, ou simplemente interpretado de xeito diferente ao actual, moi en especial, aínda que non só, nun ámbito urbano”, recalca González.

A investigadora exemplifica esta afirmación coa característica da ‘covardía’ atribuída ao gato nas enquisas e que contrasta coa de ‘atrevemento’ que se extrae das expresións analizadas.

O gato, animal cazador, percíbese na sociedade galega como un animal agresivo, depredador de ratos; pero ao converterse en animal de compañía e minimizarse en boa medida esa dimensión cazadora, poden potenciarse no imaxinario galego outros comportamentos considerados covardes, esencialmente os relativos á fuxida instintiva do gato diante do can.

“A perda para moitos da referencia cazadora do gato, en que mostra a súa habilidade e ‘astucia’, así como a potenciación da dimensión doméstica, na que o gato se mostra moitas veces pouco obediente co amo, tamén pode estar na base da atribución a este animal por parte dalgúns falantes do trazo da ‘estulticia’”, recalca a investigadora.

Ditos que transmiten valores maioritariamente negativos

A través da análise de todos estes ditos comprobouse tamén que os galegos empregan os referentes animais para vehicular valores maioritariamente negativos (víbora ‘persoa maledicente’) e, en menor medida, tamén neutros (o can de palleiro non quere compañeiro ‘dise de quen se quere só’) ou mesmo positivos (ter sete vidas coma un gato ‘saír ileso de situacións graves’).

A maiores percíbese tamén que son máis numerosas as expresións figuradas que portan valores referidos ao carácter ou condición do animal, como por exemplo a ‘agresividade’ ou ‘fereza’ (fero coma o gato de sobrado), a ‘intelixencia’ (agudo coma un esquío), a ‘maldade’ (ser máis malo ca sete raposas), entre outros que os galegos empregan frecuentemente para atribuírlles estas características ás persoas; mentres que son menos numerosas as expresións que se refiren ás características físicas dos animais (tartaruga ‘persoa moi lenta’), ás relacións entre estes e as persoas (gardar a casa coma un gato ‘vixiar’) ou ás relacións que se establecen entre animais (nunca o can traba a cadela ‘relación de respecto mutuo’).

Estudo dedicado “ao rural galego”

A tese de González arranca cunha dedicatoria “ao rural galego” que se sitúa baixo unha fotografía antiga duns antepasados que posan para unha foto familiar acompañados dos animais da casa, concretamente dos cans, hábito moi común naquela Galicia rural.

Ademais, no apartado de agradecementos a investigadora dedícalle un moi especial aos informantes anónimos, “que participaron tan xenerosamente neste traballo, pois sen as súas achegas esta investigación non estaría completa; e de xeito especial, aos nosos maiores por atesourar e compartir comigo un coñecemento tan valioso”.

ÚLTIMAS

Familias e sindicatos manifestaranse para esixir profesores para alumnos ingresados en Saúde Mental no Cunqueiro: “Non nos queda outra”

Familias de Vigo planean unha manifestación para esixir á Xunta de Galicia profesores para alumnos ingresados...

O PP critica a “falta de compromiso” do PSOE de Vigo coa alta velocidade con Portugal

A senadora do PP de Pontevedra, Nidia Arévalo, lamentou este xoves a "falta de...

O BNG reclama 144 millóns máis para Vigo dos orzamentos da Xunta e pide finalizar co “total abandono” da cidade

O BNG reclamou 144 millóns de euros máis para Vigo no proxecto de Orzamentos...

O buque ‘Izmit Express’ levaba 23 quilos de cocaína en 20 paquetes agochados en lugares “inaccesibles”

O mercante 'Izmit Express' contiña máis de 23 quilogramos de cocaína distribuída en 20...