InicioSociedadeA área Sanitaria de Vigo estrea unha unidade de prevención do suicidio...

A área Sanitaria de Vigo estrea unha unidade de prevención do suicidio que atenderá ata 80 pacientes simultaneamente

En España hai "un suicidio cada dúas horas e media, e por cada suicidio prodúcense aproximadamente 20 tentativas, probablemente máis".

PUBLICADO O

A área Sanitaria de Vigo puxo en marcha unha nova unidade de Prevención do Suicidio, que, cun equipo de catro especialistas, ten como obxectivo a diminución das taxas de suicidio consumado e tentativas na poboación mediante actividades de prevención.

Neste programa poderán participar ata 80 pacientes de forma simultánea. Así, atenderanse “os casos máis graves e de maior complexidade”; en xeral, pacientes de máis de 16 anos de idade que presenten elevado risco de suicidio, con capacidade cognitiva suficiente e que non presenten un diagnóstico principal de trastorno por uso de sustancias.

Como excepción, explica o Servizo Galego de Saúde (Sergas), “admitirase ás persoas cun consumo prexudicial ou dependencia ao alcol, debido ao elevado risco de suicidio que implica: ao redor de 20 veces máis con respecto á poboación xeral”. Esta unidade, que se enmarca no Plan Estratéxico fronte ao Suicidio da Consellería de Sanidade, contempla o establecemento de vías rápidas con atención primaria para priorizar este tipo de atención e garantir que estes pacientes sexan atendidos por un especialista en saúde mental en menos dunha semana.

En concreto, a unidade está conformada por un psiquiatra, un psicólogo e dous enfermeiros especializados en saúde mental. Os pacientes seguirán durante seis meses un programa terapéutico baseado en farmacoloxía e actividades psicoterapéuticas, con intervencións individualizadas e grupales.

“Hoxe en día está demostrada a efectividade dos programas de prevención de suicidio”, afirmou o xefe da área de Saúde Mental de Vigo, José Manuel Oliveirais, que sinala que en España hai “un suicidio cada dúas horas e media, e por cada suicidio prodúcense aproximadamente 20 tentativas, probablemente máis”.

RISCO ELEVADO

De acordo co Servizo Galego de Saúde, enténdese que existe un risco elevado de suicidio naqueles pacientes con enfermidade mental como trastorno depresivo maior, TOC, trastorno bipolar, esquizofrenia, trastorno de ideas delirantes, e trastornos da conduta alimentaria, entre outros.

Ademais, hai outros factores de risco, como ter antecedentes de tentativas autolíticas previas. “Outro agravante sería o sexo masculino, xa que nos homes rexístrase un maior número de suicidios consumados, aínda que no sexo feminino o número de tentativas é maior”, explicou o Sergas.

Así mesmo, son condicionantes do risco a viudez ou divorcio, a perda de emprego, problemas económicos, nulo apoio social, malos trátos físicos ou psicolóxicos, a violencia de xénero, a enfermidade mental familiar, eventos vitais estresantes e factores xenéticos e biolóxicos.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...