Investigan os incidentes provocados tras a concentración de apoio a Pablo Hasel en Vigo

Foron ao final da manifestación cando un grupo violento decidiu guindar contenedores.

Participantes na concentración de apoio a Pablo Hasel en Vigo apedrean coches da Policía Local. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Un grupo de persoas que participara nunha concentración en apoio ao rapeiro Pablo Hasel en Vigo protagonizou un incidente ao termo do acto, cando se dirixiron cara á rúa Venezuela e lanzaron pedras a coches da Policía Local. Un acto que xa está sendo investigado pola Policía.

Segundo informaron fontes policiais, os disturbios tiveron lugar despois da concentración, que fora convocada para as 20,00 horas fronte ao museo Marco, na rúa do Príncipe, e na que participaron varias decenas de persoas.

Algúns dos participantes desprazáronse polas rúas do centro da cidade, envorcando colectores e gritando consignas contra a Policía. O altercado máis grave produciuse na rúa Venezuela, cando algunhas persoas lanzaron pedras sobre dous vehículos do 092, provocando danos nos cristais.

Axentes da Unidade de Intervención Policial (UIP) da Comisaría viguesa acudiron á zona para auxiliar aos axentes da Policía Local e para disolver aos manifestantes. Fontes policiais sinalaron que, polo momento, non se produciron detencións.

Ademais da concentración de Vigo, outras cidades galegas acolleron actos de apoio a Pablo Hassel, detido en Lleida este martes. Así, houbo manifestacións en Santiago, A Coruña ou Pontevedra, onde os participantes reclamaron a “amnistía” para Hasel, e onde non se rexistraron incidentes.