InicioSociedadeFamilias da escola infantil Santa Marta de Vigo, "preocupadas" pola derriba do...

Familias da escola infantil Santa Marta de Vigo, “preocupadas” pola derriba do centro “sen unha alternativa”

Abel Caballero asegura que o traslado é por seguridade e que se construirá unha escola nova en Barrio do Cura. A Xunta critica a falta de planificación.

PUBLICADO O

As familias dos nenos da escola infantil municipal de Santa Marta de Vigo manifestaron este venres a súa “preocupación” e “enfado” tras confirmarse que o centro educativo será derrubado, xa que forma parte do proxecto de urbanización do Barrio do Cura, “sen que se garantiu unha alternativa” para os menores matriculados.

Nunha rolda de prensa, na que contaron co respaldo da Federación Olívica de Anpas (Foanpas) e da Asociación de Veciños do Casco Vello, as familias denunciaron que, nestes momentos, o único que teñen confirmado é que a escola vai ser derrubada e que “se está estudando” recolocar aos nenos no CEIP Ramón e Cajal.

Se embargo, sinalou Carlos González, presidente do anpa da escola, suspendeuse a matriculación para a entrada de nenos de 0-1 ano, non se coñece en que condicións poden ser trasladados o resto a outro centro, nin se garante a construción dunha nova escola municipal.

Na mesma liña, Iria Salvande, presidenta de Foanpas, lembrou que non hai ningunha outra escola infantil municipal no centro de Vigo e advertiu de que, se non hai matrícula de nenos de 0-1 ano, e tampouco hai garantía do centro ao que serán trasladados os que xa están en Santa Marta, este é un servizo “a extinguir”.

Ademais, lembrou que a escola ten 145 prazas, todas ocupadas “e cunha lista de espera importante”, e 11 traballadores, e “non se pode permitir” a perda de prazas públicas nesta zona da cidade. Segundo puntualizou, o “compromiso anterior” do Concello era construír unha nova escola “a 200 metros” antes de que se derrubase a actual.

Finalmente, o portavoz da asociación de veciños, Fiz Axeitos, advertiu de que esta entidade veciñal “non vai calar ante a eliminación dun servizo público básico” que, xa a día de hoxe, “é totalmente insuficiente”, e o será máis cando se constrúan as 400 novas vivendas previstas no Barrio do Cura.

RESPOSTA DO ALCALDE

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, precisou este venres en rolda de prensa, cuestionado sobre a escola Santa Marta, que o centro “vai cambiar a súa localización”, aínda que de forma “provisional”, mentres non se constrúa outra escola que, asegurou, farase por parte da promotora no Barrio do Cura no prazo duns dous anos.

O rexedor, que aseverou que a nova escola “será do primeiro que se constrúa” nese ámbito, explicou que a proposta de trasladar aos nenos ao CEIP Ramón e Cajal é porque “hai espazo” e o centro é propiedade do Concello, que está á espera da resposta da Xunta para acondicionar as aulas para os nenos de Santa Marta e o seu “profesorado actual”.

Segundo incidiu, non é viable manter a escola aberta mentres se producen as obras no Barrio do Cura por motivos de seguridade, e o Concello quere “risco cero”, “por moito que diga Foanpas ou por moito que diga o BNG, a través da asociación de veciños”.

CRÍTICAS DA XUNTA

A Xunta de Galicia criticou este venres a falta de planificación do goberno municipal de Vigo con respecto á derriba da Escola Infantil Municipal Santa Marta, e advertiu de que o CEIP Ramón e Cajal (coñecido como colexio ‘Picacho’) non pode asumir o traslado dos nenos dese centro.

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, criticou que o goberno local “suprime un servizo tan importante como unha escola infantil municipal sen ningún tipo de planificación”. “E pretende que sexa a Xunta a que solucione a súa neglixencia”, engadiu.

A Xunta advertiu de que, á espera do informe definitivo de Inspección Educativa e do pronunciamento do Consello Escolar e do claustro de profesores, o colexio “non pode asumir as pretensións do alcalde, especialmente no medio dunha pandemia na que se deben cumprir unha serie de protocolos sanitarios.

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...