Ausencia de autocrítica nun Feijóo que culpa a Pedro Sánchez da evolución da pandemia en Galicia

Feijóo participa no 'II Xornadas Amizade Cerveira-Tomiño'.. Xunta de Galicia

A reunión que o venres manterán o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o seu homólogo estatal, Pedro Sánchez, marcou a comparecencia na Cámara do mandatario galego, quen aproveitou para buscar o apoio dos grupos políticos ás propostas que levará á Moncloa, entre duras críticas ao Goberno estatal por “non xestionar nin deixar xestionar” a pandemia. Unhas propostas que, curiosamente, non negociou con socialistas e nacionalistas.

Durante a súa comparecencia para explicar os efectos desta terceira onda da pandemia, Feijóo defendeu a súa xestión e a toma de medidas, entre elas as últimas restricións, que entraron en vigor ás 00,00 horas deste mércores.

Mentres os líderes da oposición —Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG)— afeáronlle a súa “falta de autocrítica” e a súa estratexia de “confrontación”, Feijóo replicou que “mentres sexa presidente” atenderá antes ás recomendacións do comité clínico que ás que lle formule calquera partido político. E volveu a insistir en que o confinamento xeral que tería “terribles” consecuencias económicas e sociais, polo que debe ser “o último recurso”.

En todo caso, para non xerar “falsas expectativas” a unha “sociedade madura” como a galega, admitiu que non pode pechar a porta a que haxa que endurecer máis as medidas e advertiu que, aínda que os datos galegos de taxa de mortalidade e presión asistencial, por exemplo, son aínda “mellores” que os do conxunto estatal, a Xunta “non dubidará en aplicar medidas máis rigorosas” se é “imprescindible”.

E el, engadiu, dará a cara ante os galegos para anuncialas. Farao porque é o presidente –dixo– dun Goberno “no que ninguén se esconde”. No polo oposto situou ao Executivo que dirixe Pedro Sánchez, ao que instou a “asumir as súas responsabilidades”, xa que “toda España atópase no pico da terceira onda”.

“CONFRONTACIÓN” E “FALTA DE AUTOCRÍTICA”

Pola súa banda, tanto a líder do BNG, Ana Pontón, como o secretario xeral do PSdeG coincidiron ao críticar que Feijóo acuda de novo á “confrontación” co Estado e a culpabilizar á cidadanía para eludir as súas “responsabilidades” na xestión da pandemia. Fronte a iso, emprazáronlle a “anticiparse” e a “porse a gobernar”.

A líder nacionalista, que alertou da gravidade dos datos, censurou que “o primeiro” que fixese Feijóo despois do Nadal fose “botar a culpa” aos galegos da situación “sen facer autocrítica” e reprochoulle que “non fose capaz de pór sobre a mesa a única medida que é capaz de cortar de raíz” os contagios que, na súa opinión, pasa por “un confinamento de dúas semanas”, ampliable.

O socialista, que censurou a “soberbia” mostrada por Feijóo e chamoulle a “baixarse do pedestal”, cargou contra a “política do anuncio continuo” do mandatario galego, a quen lle gusta, dixo, “porse as medallas cando as cousas van ben”, pero despois pon o foco na actuación doutras administracións, sobre todo do Goberno, así como na propia cidadanía.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here