InicioSociedadeEsgotadas as 2.500 prazas dispoñibles para participar nun cribado á poboación de...

Esgotadas as 2.500 prazas dispoñibles para participar nun cribado á poboación de Tomiño

PUBLICADO O

As 2.500 prazas dispoñibles postas a disposición da poboación de Tomiño  para participar nun cribado para detectar novos casos de COVID-19 esgotáronse e realizáronse as probas PCR á maior parte dos voluntarios durante a última semana.

Segundo detallaron fontes municipais, o Concello expuxo ao Sergas levar a cabo un cribado masivo voluntario ante a alta incidencia de casos detectada. Así, o pasado 30 de decembro habilitouse un formulario na páxina web municipal para que as persoas interesadas en colaborar se inscribiran e, en dous días, completáronse as 2.500 prazas dispoñibles.

Tras a inscrición, o Sergas contactou con estas persoas para concertar unha cita para que se lles realizasen as probas no dispositivo COVID-Auto do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Este procedemento busca alcanzar unha maior participación no cribado masivo dado que se presupón que unha persoa que se apunta de modo voluntario non faltará á cita.

Nun primeiro momento estudouse realizar as probas en Tomiño, pero a falta de persoal e a complexidade loxística, que atrasaría o seu inicio, motivaron que se optase por levalas a cabo no hospital vigués.

Ao tomar como referencia cribados realizados noutros municipios nos que os centros de saúde citaron aos cidadáns en lugar de optarse por unha asistencia voluntaria, prevíase unha baixa participación, polo que o feito de que se completaron as prazas representou unha “sorpresa” para o goberno local.

Por iso, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, valorou “a mostra de xenerosidade e civismo dos veciños e veciñas”, que “mostraron ser un exemplo na empatía cos demais, axudando a frear un problema que durante as últimas semanas está a afectar tanto ao municipio“. Así, asegurou que foi “moi emotivo” observar “como todo o mundo afanouse nesta cuestión”. Fontes do Sergas concretaron que o cribado masivo finalizará este xoves, cando se realizarán probas PCR a 400 persoas, e que os resultados se darán a coñecer este venres.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...

Case nove de cada dez usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes dos 18 anos

Preto do 88% dos usuarios da Asociación Érguete en Vigo comezou a consumir drogas antes...