O Sergas realizará un cribado con 2.000 probas a estudantes e traballadores do CIFP Manuel Antonio de Vigo

A Xunta di que é para detectar asintomáticos.

Unha farmacéutica introduce nunha placa a mostra de sangue que tomou para realizar un test de cribado / Rosa Veiga - Europa Press.

O Sergas realizará esta semana un cribado a 2.000 persoas, entre estudantes e traballadores do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Manuel Antonio de Vigo, para detectar posibles casos de COVID que sexan asintomáticos e así “controlar a circulación do virus”.

Así o comunicou Sanidade, que informou de que, o vindeiro xoves, un equipo de 10 profesionais de enfermaría desprazarase a este centro para realizar PCR a aquelas persoas que acepten, de forma voluntaria, participar no cribado. Sanidade lembrou que o obxectivo deste tipo de cribados en detectar casos sen síntomas clínicos, para controlar canto antes os focos de coronavirus.

Por outra banda, o Sergas tamén está a levar a cabo test á poboación xeral e, tras as PCR realizadas a pacientes dos centros de saúde de Sárdoma e Lavadores, estes días están a levarse a cabo cribados de persoas asignadas aos centros de Rosalía de Castro, rúa Cuba, Casco Vello, A Dobrada e Pintor Colmeiro, dos que se citará a 5.500 pacientes.

Para participar nestas probas, hai que ter entre 18 e 60 anos de idade, non realizar ningunha proba PCR nas dúas semanas previas, e ter un teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos ‘Lembra’ do Sergas.

BOIRO

Por outra banda, o cribado realizado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) durante o fin de semana en Boiro, ao que estaban chamadas unhas 3.500 persoas, alcanzou unha participación do 80 por cento, segundo datos da área Sanitaria de Santiago-Barbanza.

As PCR foron efectuadas polo persoal de enfermaría do Servizo de Medicina Preventiva entre o venres e o domingo. En concreto, comezou o venres con profesionais da hostalaría e continuou nos días sucesivos entre a poboación de entre 35 e 44 anos con cartón sanitario na localidade.

No entanto, o cribado continuará a partir deste martes, cando serán chamados a participar o 20 por cento restante que non acudiu e máis persoas, tal e como indican fontes da área Sanitaria.

As probas lévanse a cabo en diferentes puntos, entre eles o centro de saúde de Boiro e o Hospital de Barbanza, en Ribeira, e teñen o obxectivo de localizar positivos por covid-19 asintomáticos.

A poboación será citada a través dun SMS no que figurará a hora e a dirección á que deben acudir, así como un Código QR para a súa identificación persoal. A toma de mostras será nasofarínxea para realizar PCR, que será analizada pola técnica ‘pooling’.

O Sergas decidiu acometer este cribado debido ao incremento dos contaxios de coronavirus no concello, que desde o sábado permanece coas restricións máis severas para facer fronte á pandemia, entre elas o peche perimetral.