InicioSociedadeUnha traballadora do grupo Nueva Pescanova vítima do acoso sexual e laboral...

Unha traballadora do grupo Nueva Pescanova vítima do acoso sexual e laboral exercido polo seu xefe directo

A CIG respalda á muller, mentres que a empresa asegura que xa activou un protocolo para este tipo de casos.

PUBLICADO O

O sindicato CIG denunciou este xoves un suposto caso de acoso sexual e laboral a unha traballadora da planta industrial do grupo Nueva Pescanova no Porriño (Pontevedra), e criticou a actitude da empresa por “castigar” á empregada, e crear “un caldo de cultivo” para impedir que outras traballadoras poidan denunciar se se atopan nunha situación similar.

Nunha rolda de prensa, o secretario comarcal da FGAMT, Suso García, e a responsable de Igualdade da CIG, Esther Mariño, explicaron que esta traballadora se puxo en contacto co comité de empresa o pasado mes de febreiro para denunciar que estaba a ser acosada sexualmente polo seu xefe directo, mediante comentarios sexuais, insinuacións e mesmo tocamentos.

O sindicato explicou que a primeira medida que adoptou a dirección de Recursos Humanos da empresa foi cambiar de quenda á traballadora, a pesar de que esta pediu que non lla cambiase. Así mesmo, púxose en marcha o protocolo antiacoso que hai na factoría e que foi acordado por empresa e sindicatos, e presentouse formalmente a denuncia.

A partir dese momento, “comezaron a pasar cousas gravísimas”, segundo a CIG, que criticou que “se difundiron” datos da traballadora e do presidente do comité, e “non se respectou a obrigada confidencialidade” nestes casos.

A central tamén criticou a “lentitude” coa que se deron os pasos neste procedemento, e sinalou que se constituíu a comisión de acoso, pero atrasouse a tramitación da denuncia ata xuño. Ademais, a pesar de que o tempo máximo para resolver é de 45 días, a resolución non chegou “ata o 19 de novembro”.

Para sorpresa da CIG, a empresa optou por amoestar á traballadora, á que acusa de ter “obstruído” a tramitación do procedemento. Ademais, engadiu, puxéronse problemas tamén a outras traballadoras que ían declarar na instrución como testemuñas da empregada supostamente acosada.

“Isto crea un caldo de cultivo e desanima a outras mulleres que poidan atoparse na mesma situación. Non denunciarán porque perciben que eses comportamentos quedan impunes“, sinalou Esther Mariño.

En todo caso, a CIG confirmou que recorrerá a resolución e, ademais das xestións ante a Inspección de Traballo, que xa é coñecedora dos feitos, advertiron de que non descartan acudir aos tribunais. “Non podemos deixar pasar algo como isto”, sinalaron desde o sindicato.

VERSIÓN DA EMPRESA

Pola súa banda, a empresa explicou que, tras recibir a denuncia púxose en marcha o protocolo de actuación en casos de acoso e trasladouse á Mesa de Igualdade da empresa e a traballadora exerceu “o seu dereito” a elixir os membros da Mesa que compuxeron a Comisión de Acoso.

A Comisión (na que hai membros da CIG) decidiu “por unanimidade” pospoñer o inicio da investigación debido ao estado de alarma e, cando se renovou, entrevistouse a 17 persoas, entre elas á traballadora e ao suposto acosador. Ademais, precisou a empresa, 8 das testemuñas foron elixidos directamente pola denunciante.

“Debido ao delicado da investigación”, subliñou a empresa, a instrución alongouse durante varios meses, “co obxectivo de atopar evidencias concluíntes“, durante os cales houbo un “seguimento” por parte da Inspección de Traballo.

Finalmente, a Comisión determinou o arquivo do expediente, “ao non poder acreditar situación de acoso algunha”, nin acreditarse “ningunha das acusacións efectuadas”, trasladándoo ás partes implicadas. Ademais, informou á traballadora de que sería sancionada “por obstaculizar de maneira clara e probada a labor de investigación neste proceso”.

ÚLTIMAS

Gonzalo Caballero proposto polo PSOE de Vigo como candidato galego ás europeas

A asemblea do Partido Socialista de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero,...

Claudio Giráldez renova como adestrador do Celta ata xuño de 2025

O adestrador galego Claudio Giráldez renovou este xoves o seu contrato como técnico do RC...

Atraso de 40 minutos na liña A Coruña-Vigo por un conato de incendio nun coche do tren

Un conato de incendio declarado entre dous coches dun tren que cobre a liña...

Vigo supera de novo os 300.000 habitantes, “de longo a maior cidade de Galicia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que a cidade volveu a superar os 300.000 habitantes...