Os varóns da UVigo ven na fenda de coidados e os problemas de conciliación a orixe da desigualdade

Observan unha maior igualdade na comunidade universitaria que no resto da sociedade.

Estudantes reúnense nun espazo común do campus universitario / UVigo.

Homes que estudan ou traballan na Universidade de Vigo (UVigo) consideran que a brecha de coidados e os problemas de conciliación derivan na desigualdade existente nesta institución, segundo un estudo da Unidade de Igualdade.

No entanto, os homes enquisados observan unha maior igualdade na comunidade universitaria que no resto da sociedade (7,67 fronte a 5,41), segundo trasladou a UVigo, que lembrou que o informe se publicou con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero, que se celebra este mércores.

Para paliar a situación actual, a maior parte dos membros da universidade considera precisa máis formación afectivo-sexual, sobre a que apunta que existen grandes carencias.

Tamén se apreciou que os homes da comunidade universitaria identifican situacións de acoso e violencia contra as mulleres, pero non valoran do mesmo xeito estes casos no ámbito virtual, aos que quitan importancia e gravidade. Así, detectouse unha maior concienciación sobre a importancia e a problemática de situacións de acoso e agresións sexuais e por razón de sexo que ocorren fóra da rede.

A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, indicou que a análise da percepción da prostitución realizado no marco do estudo mostra un posicionamento “ambivalente” ante a mesma mentres a maioría dos enquisados (un 67,3%) ve a desigualdade como a orixe da violencia contra as mulleres.

En concreto, os homes da comunidade universitaria afirman que a explotación sexual é condenable e que a maior parte das mulleres que se postitúen fano por necesidades socioeconómicas. No entanto, só o 50,3% cre que pagar por manter relacións sexuais pode considerarse un modo de violencia contra as mulleres e o 50% ve a legalización como o modo de solucionar a prostitución.

Ademais, a directora da Unidade de Igualdade sinalou que o obxectivo do estudo foi analizar a percepción da comunidade universitaria en relación coa violencia contra as mulleres e a prostitución, “entendida esta última como unha expresión máis de violencia machista”.

Para iso, explicou que o informe se centrou na poboación masculina dado que representa un colectivo “estratéxico” para detectar “resistencias ante políticas de xénero a favor da igualdade”. Así, realizáronse 200 cuestionarios e dúas entrevistas cualitativas a alumnos; 159 cuestionarios e un grupo de discusión entre docentes e investigadores e 18 cuestionarios e outro grupo de discusión con persoal de administración e servizos.